Visto para sentenza o xuízo #8f45anos após retirar o fiscal os cargos a 2 dos encausados

Na cuarta e última sesión deste proceso declarou por vídeo-conferencia Rosa Díez. A defensa pediu a libre absolución.

lingua
photo_camera lingua

Foi a cuarta e derradeira das vistas do xuízo #8f45anos, que fica agora visto para sentenza. A Fiscalía mantén a petición de penas só para 10 das 12 persoas que estaban encausadas nun principio, pois nesta sexta feira anunciou que retiraba os cargos 2 deles: Roberto R. Fialhega ‘Teto’ (preso independentista) e Antonio F.

Rosa Díez recoñeceu que escoitara insultos contra ela mais non ameazas

Antes da lectura de conclusións por parte de defensa e acusación, declarou Rosa Díez por vídeo-conferencia. A líder de UPyD limitouse a confirmar que participara na manifestación de Galicia Bilingüe e que escoitara que a insultaban e chamaban fascista, mais dixo que non escoitara ameazas.

Absolución

Para a defensa só cabe a absolución dos encausados pois non se puido demostrar a súa participación e responsabilidade nos feitos polos que son acusados. Especial incidencia fixo en que as probas gráficas achegadas pola fiscalía non reunían as mínimas garantías para seren postas ante un tribunal, así como que as propias declaracións de membros das forzas de seguridade non foron quen de identificar entre os acusados aos responsábeis do acontecido naquel día de 2008.

Cómpre lembrar que as propias axencias recollían, na segunda sesión do xuízo, que “os policías que declararon polos altercados acaecidos na manifestación de Galicia Bilingüe celebrada no ano 2009 non puideron relacionar con feitos concretos aos acusados presentes”.

Comentarios