Entrevista

Marga Quintela: "O noso alumnado é case 100% galegofalante"

Esta sexta feira 31 de xaneiro a sala Gato de Melide acolle unha nova edición do concerto "Eu presumo de galego". A profesora Marga Quintela explícanos as orixes desta iniciativa, froito da implicación das estudantes e do Equipo de Normalización Lingüística da escola local.

cole 1
photo_camera Marga Quintela con tres alumnas fronte aos cartaces de varias edicións do "Eu presumo de galego"

En que consiste a iniciativa "Eu presumo de galego"?

Xurdiu no curso 2014-2015, cando me fixen cargo do equipo de Normalización Lingüística do IES de Melide, por parte da rapazada, que quería facer un concerto de música en galego. Contactamos coa sala Gato, que leva Fernando Casal, e fixemos que cadrase cun concerto programado pola noite, para que viñese o mesmo grupo pola tarde, a unha hora máis axeitada para as cativas. Pola mañá, pareceunos interesante facer un faladoiro cos integrantes do grupo ou con xente implicada no mundo da música. Aquel primeiro ano tocou Nao e veu tamén Vituco de Ruxe Ruxe. Foi un existazo e as rapazas estiveron moi involucradas, fixeron elas os deseños de camisolas, cartaces... De aí seguimos con Super 8, Zënzar, Dakidarria... Este ano vén Ezetaerre e para a charla contaremos con Xurxo Souto. O proxecto musical foi medrando e comezamos a coordinar actividades con outros departamentos, como o de plástica para os debuxos ou o de tecnoloxía para o pousadoiro. Ademais, trouxemos poetas acompañadas con música. E o ano pasado déronnos o premio de Mil Primaveras Máis, da coordinadora de ENL. 

Que achega á rapazada participar na organización?

Antes do concerto están medradas. Fan chapas, camisolas... Vén todo da súa man. Ademais, non é condición, pero a banda teloneira estivo sempre conformada por alumnas ou ex alumnas. De feito, Cuarta Xusta, que agora se está a mover moito polo país, nace precisamente aquí, integrado en parte por antigas estudantes. Achégalles un enorme coñecemento da música en galego. Xunto con este, temos a Banda da Semana, proxecto co que soa nos corredores cada semana unha banda de música en galego e facemos un cartaz para cada grupo. Todo iso fai que sintan un enorme orgullo de estar neste centro.

Desde a perspectiva do traballo nunha ENL, como valora a situación actual?

No IES de Melide podémonos sentir afortunadas porque o noso alumnado é case 100% galegofalante. Compartindo impresións con compañeiras doutros centros, dinnos que somos unha especie de reduto. Con todo, notamos de maneira brutal o cambio de lexislación co decreto para o plurilingüismo de 2010. É unha barbaridade como mudaron os hábitos lingüísticos. Aquí, aínda que hai unha circunstancia favorábel, na rapazada que entra nova xa se nota que comeza a producirse un cambio cara ao castelán maioritariamente. Ademais, comparando os datos das enquisas que facemos, percibimos como unha das cousas máis alarmantes que a escola moitas veces funciona como elemento desgaleguizador.

Comentarios