O Consello de Europa reprende España por manter as limitacións ao galego

O informe do Consello de Europa reprocha España por non modificar a lexislación para garantir o uso do galego nos procesos xudiciais e por non ter eliminado as limitacións ao galego no ensino. Ademais, insta o Goberno asturiano a tomar medidas efectivas para incluír o galego-asturiano no seu Estatuto de Autonomía.

O Consello de Europa reprende o Estado español e ínstao a tomar accións inmediatas para protexer o galego no informe publicado a 31 de marzo e que avalía a protección no Estado de linguas como o galego, vasco ou catalán. Este documento, elaborado polo consello de expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, ten un apartado denominado ‘O galego na Galiza’. Nel analiza o estado do cumprimento das recomendacións “de actuación inmediata” xa trasladadas en 2019 para eliminar as limitacións ao ensino en galego en todos os niveis educativos adecuados.

O comité de expertos sinala no informe que recibiu información que suxire que a distribución das linguas entre as materias escolares “non é equitativa”. O número de materias que se imparten en galego nas escolas nas que se introduciu o inglés “tan baixo” que apenas pasa de 33%. O galego está presente “só nunha parte dos centros de educación infantil”, engade.

O material didáctico en galego tamén é insuficiente, considera o comité, que recolle o seguinte dato: como resultado desta situación a porcentaxe de menores de 15 anos que non sabe falar galego é de 23,9%, segundo un estudo realizado polo Instituto Galego de Estatística.

O informe sinala que esta tendencia podería levar a un aumento constante dos menores que non saber falar galego.

Ante esa situación, o comité de expertos sinala que España ratificou o artigo 8.1 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, o que significa que a educación debe impartirse co galego como medio de ensino.

O marco legal existente é contrario aos compromisos asinados por España, reprocha o comité, reiterando a importancia de proporcionar un nivel suficiente de ensino da lingua en todos os niveis educativos e pide ás autoridades estatais que informen sobre os compromisos no próximo informe de avaliación. Ademais, o comité de expertos considera que non se eliminaron todas as limitacións ao ensino en galego, tal e como teñen recomendado.  

En canto á avaliación da recomendación realizada a España desde o comité de expertos para que se modificase a Lei Orgánica do Poder Xudicial co obxectivo de garantir o uso do galego nos procesos xudiciais a pedimento dunha das partes, o informe recalca que a lei non foi modificada.

Sobre a recomendación de utilizar o galego na administración do Estado na Galiza, o comité sinala que, segundo información recibida por distintas entidades e ONG, “aínda hai casos nos que as delegacións locais do Estado se negan a tramitar documentos e expedientes ou a aceptar reclamacións en galego, mesmo cando se lles pide explicitamente e cando a lexislación recoñece o dereito para utilizar o galego”.

O galego en Asturies

O comité de expertos insta o Goberno da Comunidade Autónoma de do Principado de Asturies que continúe o diálogo cos interlocutores e tome medidas efectivas para incluír o galego-asturiano no Estatuto de Autonomía.

No apartado do informe titulado “O galego/galego-asturiano en Asturies”, analízase a recomendación dada de desenvolver unha política estruturada de protección da lingua no territorio onde se fala

(rexión de Eo-Navia). O comité non recibiu ningunha información, polo que non está en condicións de avaliar este capítulo, conclúe.

A Mesa denunciou ante Bruxelas que Goberno español e Xunta "dan as costas" ás recomendacións do Consello de Europa

O Consello de Europa solicitou á Mesa pola Normalización Lingüística que valorase a resposta ofrecida polo Goberno español ás recomendacións de obrigado cumprimento emitidas en decembro de 2019 polo Comité de Ministros europeo. Tal e como recolleu Nós Diario, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou a comezos de marzo que "o informe do Estado ás reclamacións europeas limítase a participar da manipulación á que a Xunta somete os datos estatíticos, obviando que o uso do galego está prohibido nas materias de matemáticas, física e química e tecnoloxía, as dotadas de maior carga horaria, e que un de cada catro menores de 15 declaran seren incapaces de se expresaren en galego".

"Respecto á xustiza", explicou Maceira, "chama a atención que [o Estado] sinale como melloras accións que aínda non se tomaron respecto á intelixencia artificial, sen sequera indicar que o programa informático de xestión Minerva aínda non conta con opción en galego". "E no relativo á administración xeral do Estado", engade, "é escandaloso que se pretenda pasar como verdade un suposto complemento salarial polo coñecemento de linguas cooficiais que nin existe nin se paga, cando nin sequera nas últimas convocatorias da administración do Estado se exixe o coñecemento de galego para a prazas ofertadas en Galiza".
 

Comentarios