O Supremo desestima o recurso do profesor do Conservatorio de Vigo que pedía usar o castelán nos seus documentos

Segundo o Tribunal Supremo, o recorrente pretende "ser quen determine en que idioma expresarse nas comunicacións administrativas internas", por tanto as súas pretensións "afectan o funcionamento do Conservatorio".
Exterior do Conservatorio de Vigo (Foto: Conservatorio Superior de Vigo).
photo_camera Exterior do Conservatorio de Vigo (Foto: Conservatorio Superior de Vigo).

O Tribunal Supremo (TS) acordou desestimar o recurso de casación interposto por un profesor de piano do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, que pretendía utilizar indistintantemente o galego e o castelán nos escritos e documentos relacionados coa súa función docente.

Esta sentenza, do pasado 20 de novembro, é o último paso dun proceso iniciado en 2019, cando este profesor, funcionario da Xunta da Galiza, dirixiuse á Administración galega para pedir que se lle recoñecese expresamente o dereito para expresarse indistintamente en ambas as linguas. Nese momento, a Consellaría de Educación respondeulle (tal e como previamente trasladáballe o Inspector Xefe do departamento) que "a regra xeral é a utilización do galego", mentres que o uso do castelán debía ser "excepcional".

O profesor iniciou entón un proceso xudicial, nun xulgado contencioso-administrativo de Vigo e, posteriormente, cun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Este tribunal determinou que a normativa que regula o uso do galego na docencia non quebra principios constitucionais, e apunta que o recorrente non alegou ningún emprego tendencioso nin conduta lesiva por parte da Administración.

Ao Supremo

O recorrente levou a cuestión entón ao Tribunal Supremo, que aprecia interese casacional (para a formación de xurisprudencia) na resolución dunha cuestión: se existiu quebra do principio de cooficialidade de linguas previsto na Constitución e no Estatuto de Autonomía da Galiza.

Respecto diso, o TS sinala que a normativa estabelece como regula o uso do galego, "pero non é absoluta, xa que permite excepcións". Ademais, apunta que este profesor "acepta usar indistintamente unha ou outra lingua, galego ou castelán, coa soa condición do respecto á opción lingüística".

Segundo o Tribunal, o recorrente pretende "ser quen determine en que idioma expresarse nas comunicacións administrativas internas", por tanto as súas pretensións "afectan o funcionamento do Conservatorio". Por outra parte, engade o Supremo na súa sentenza, "resulta que os seus reproches débense, non tanto a que se lle impida facer uso do castelán, senón a que os preceptos regulamentarios aplicábeis (...) non lle permiten facelo á súa libre vontade".

Por estas cuestións, conclúe que non se quebrou o principio de cooficialidade e acordou desestimar o recurso de casación.

Comentarios