40 anos da LNL, a lei que quixo normalizar un idioma e non deu

aprobación da Lei de Normalización Lingüística da Galiza (LNL). Data e lei centran onte e hoxe unhas xornadas do Centro Ramón Piñeiro e Xunta da Galiza no marco das que catro ex membros do Parlamento, abordaron a xénese e os límites dunha lei sen a que non se pode entender o actual escenario da lingua galega.
40anos lnl arxina
photo_camera Na mesa, de esquerda a dereita: Víctor Vázquez Portomeñe, Pilar García Negro, Amancio Liñares (moderador), Miguel Barros e Xosé Luís Barreiro (Foto: Arxina)

Corenta anos despois de se aprobar a Lei de Normalización Lingüística (LNL) o número de galegofalantes é o máis baixo de toda a historia. Nunca houbo tan poucos. Hai quen entende que sen a LNL o escenario sería moito peor e hai quen considera que hai 40 anos perdeuse a oportunidade de fixar un corpus legal que permitise que o status e a evolución da lingua fose diferente. Onte, no pazo de San Roque de Compostela, catro voces con prestixio e recoñecemento reuníronse  ao abeiro das xornadas Olladas no Pasado. Ramón Piñeiro e o seu tempo para debater sobre esta lei, a súa xénese, os seus acertos e os seus erros. Con eles falou Nós Diario. Xosé Luís Barreiro Rivas, vicepresidente da Xunta da Galiza entre 1983-1986 e 1987-1988; para alén de conselleiro da Presidencia de 1982 a 1986; Miguel Barros, deputado do PSdeG de 1981 a 1993;  Victor Manuel Vázquez Portomeñe, conselleiro de Educación e Cultura de 183 a 1986, entre outras responsabilidades: e Pilar García Negro, deputada do BNG 1990-2003 e defensora da primeira tese de doutoramento na Universidade Galega sobre a lingua galega e a lexislación que a ela lle atinxía. Catro nomes de traxectorias, compromisos e ideoloxías diferentes que onte debateron sobre a lei aprobada en 15 de xuño de 1983.

"Foi unha lei satisfactoria e necesaria", apunta Barreiro Rivas, que "se aprobou por unanimidade e marcou un fito".

Tamén Miguel Barros fala de "unanimidade" na aprobación da LNL e incide na súa importancia. "Con esta lei, o galego xa non era un elemento postergado, desprezado". Vázquez Portomeñe, pola súa parte, tamén se referiu ao "consenso"  e á "capacidade de diálogo" que afirmou que existiu en torno a esta norma e sitúa a lei aprobada en 1984 como unha medida froito dun "proceso histórico" de "dignificación do galego". 

"Foi aprobada por unanimidade... dos presentes, porque seis meses antes expulsaran os tres deputados do Bloque-PSG", aclara Pilar García Negro. Unha expulsión, ademais, que acalou a oposición na Cámara a unha norma que se vía como "cativa, limitada e cautiva", en palabras da profesora honoraria da UDC. O nacionalismo, apunta, elaborara a súa proposición de lei a respecto do idioma e "que non puido ser debatida".

"Non se estivo á altura"

Barreiro Rivas defende que a de normalización foi unha boa lei, "foi moi calcada da que se acababa de aprobar en Catalunya", e cre que cumpriu co consenso  que sobre este tema se demandaba no Parlamento e na sociedade. "Quizás a práctica dos seguintes gobernos non estivo á altura" desa norma, sostén. García Negro lembra que naqueles inicios e mediados dos 80 había " un movemento galeguizador de base moi importante" mais que "non foi tido en conta"  desde as institucións, lamenta. Para Barros, "o poder político é o brazo forte, necesario, para que o galego avance, non desapareza", mais ese papel "non sempre·" se cumpríu. 40 anos despois, o galego é a única lingua oficial de todo o Estado español que perde falantes , con especial incidencia nos sectores máis novos da sociedade. Para Barros, que destaca en todo momento a importancia e o papel de Ramón Piñeiro, o obxectivo daquela era "dignificar o galego, porque sabiamos que a lingua é a proba de que hai comunidade, hai nación".

Barreiro apunta a que se deu un proceso que cualifica como "invertir a realidade: onde antes se falaba galego, nas casas, no traballo, nas familias... agora é o castelán; e onde antes dominaba o castelán, como na universidade, as institucións, agora domina o galego". Mais o ex vicepresidente da Xunta con Fernández Albor e González Laxe recoñece que "non hai ninguén que poida dicir que o galego ten boa saúde, agás nos estamentos oficiais".

García Negro non ve casualidade neste proceso de perda de falantes. A lei, explica, naceu con "eivas que non son leves", e asumindo as orientacións definidas na Constitución española de 1977 e no Estatuto de Autonomía de 1981. Eivas, como enumera, ter un único artigo preceptivo (toponimia), non temporalizar nin fixar prazos no seu desenvolvemento nin para estratexias; ou non contar con mecanismos de correccións e avaliación.

Recurso contra "o deber de"

Todos citan o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional polo Goberno español presidido por Felipe González contra esta lei. En concreto, contra dous artigos, o deber de coñecer o galego e outro referido ao ámbito xudicial. O ex deputado do PSdeG lamenta o sucedido. "Como lingua oficial, para nós cabía prever que o coñecemento desa lingua era como un deber que tiña o individuo coa súa comunidade". Barreiro considera que a lexislación sobre o galego, malia o recurso e sentenza do Constitucional, "continúa a servir". Máis contundente, García Negro apunta a que  o feito de que ser reserve o "deber" unicamente para o castelán "varre de inicio as posibilidades para o resto de linguas no Estado que non son o español". E o poder autonómico, acrecenta, "blandiu" o bilingüismo como "contención fronte a un galego normalizado socialmente".

 Barreiro Rivas gosta de ver aquel momento,  a aprobación da LNL, como "un grande paso, no que todo o mundo estaba desexoso de que saíse ben e de que non houbese retrocesos". 

García Negro, porén, lembra que desde aquela e durante estes 40 anos o galego seguiu lonxe de alcanzar a súa normalización e ano tras ano perde falantes. 

"A lingua non é un invento individual, é unha creación colectiva", insiste Barros, que exixe "un verdadeiro compromiso político" co idioma para "que este teña un futuro". 

Xornada do sábado

As xornadas sobre os 40 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística continúan hoxe sábado con diferentes relatorios e unha mesa redonda. Esta segunda xornada do ciclo principiará coa conferencia Linguas minorizadas e dereitos lingüísticos, a cargo de Alba Nogueira e un debate porá o ramo a estas xornadas cunha mesa na que participarán filóloga Elisa Fernández Rei, a docente Pilar Ponte,  a xornalista Esther Estévez e o ex reitor da USC Senén Barro.

Comentarios