Entrevista

Sara Rodríguez, autora do 'Dicionario do Galego do Bierzo': "Fala máis galego a miña avoa do Bierzo que a de Vigo"

Sara Rodríguez, natural do municipio de Carracedo, no Bierzo, é a autora do 'Dicionario do Galego do Bierzo', publicado pola Universidade de Vigo. Rodríguez atendeu 'Nós Diario' para tratar o proceso de elaboración deste dicionario e a situación xeral en que se encontra a lingua galega na súa zona de nacemento.

Sara Rodríguez, autora do 'Dicionario do Galego do Bierzo' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sara Rodríguez, autora do 'Dicionario do Galego do Bierzo' (Foto: Nós Diario).

—Vén de publicar, da man da Universidade de Vigo, o 'Dicionario do Galego do Bierzo'. De onde xurdiu a idea?
Estudei Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo e esta obra nace en realidade do meu Traballo de Fin de Grao (TFG). No seu día tiven a oportunidade de asistir a unha conferencia impartida por Carlos Xesús Varela sobre o Dicionario do Galego de Asturias, e iso foi o que me deu a idea de facer algo similar pero co galego do Bierzo. Propuxen esta idea para a realización do meu TFG a pesar de ser moi ambiciosa porque supuña moito esforzo. 

O catedrático Xosé-Henrique Costas accedeu a titorizar este traballo e realmente débolle moito porque me axudou unha inmensidade, xa que eu soa tampouco tiña os coñecementos necesarios nin os recursos para facer ben o traballo. El viu que eu tiña ganas e que estaba entusiasmada co proxecto e pouco e pouco fomos agrupando as 15.000 palabras que compoñen actualmente o dicionario.

—Cal foi a maior dificultade con que se encontrou á hora de elaborar o dicionario?
Seleccionar e peneirar certas palabras que, debido á súa raíz, non sabía con exactitude se eran realmente galegas ou non. Iso foi o que máis difícil se me fixo en verdade, mais tamén recibín moita axuda de Xosé-Henrique Costas neste sentido porque cando comecei co traballo estaba moi perdida, por exemplo, no relativo a leonesismos.

—Pola contra, que foi o máis gratificante após conseguir realizar o traballo?
O máis gratificante foi ver o dicionario en papel. Cando estás inmersa no proceso ás veces perdes a noción do que estás a facer, mais cando finalmente o vin impreso foi unha gran sensación. Ao final é un traballo que ten o seu valor pero tamén debemos ter en conta o que vén agora, que é que a xente o poida comprar e, sobre todo, usalo. Debo agradecer tamén a todas as persoas grazas ás cales puiden recoller todas estas palabras e, principalmente, a todas as persoas que aínda hoxe seguen a falar galego aquí no Bierzo. Este dicionario tamén valerá para que se saiba que a lingua galega tamén se fala nesta terra. 

—Como persoa nacida no Bierzo, como ve a situación da lingua galega alí?
Gustaríame que o galego estivese máis presente porque actualmente non o está tanto. Eu formei parte no seu día do plan de estudos de 2002 polo cal se podía estudar algunha materia no instituto en galego mais non a lingua como tal, en bacharelato si que tiven opción de estudar lingua e cultura galegas, mais fóra de horario escolar, polo que non axuda demasiado. 

O ensino desempeña un papel moi importante na recuperación do galego no Bierzo e, sobre todo, cando eu podo percibir e ver que hai xente que aínda ten interese na lingua galega aquí. Non son a máis indicada para falar de solucións porque non teño todos os coñecementos necesarios, pero si creo que desde as Administracións esta cuestión debería ser de máis importancia.

Tamén tiven que escoitar algunha xente berciana que me preguntou que por que facía algo así [sobre elaborar o dicionario] e dicíanme que "nós non somos galegos, nós somos de Castela e León" cando eu, que levo vivindo aquí toda a vida, sempre escoitei a miña avoa falar galego. De feito fala máis en galego a miña avoa do Bierzo que a miña avoa de Vigo. Sei que na conxuntura actual é complicado que aconteza pero a lingua galega debería ser tomada máis en serio polas institucións en xeral porque haberá a quen non lle guste, mais o galego fai parte do Bierzo.

Próximo obxectivo: ampliar a obra

O Dicionario do Galego do Bierzo xa foi publicado pola Universidade de Vigo pero o traballo non está finalizado por completo, hai palabras que aínda fican por ser recollidas na obra. Por este motivo, a autora, Sara Rodríguez, explica que o seu obxectivo principal neste momento é "ampliar o dicionario".

"Hai moitas palabras que eu descoñecía cando elaborei esta obra mais tamén sei que descoñezo moitas outras que existen e se usan na fala de persoas do Bierzo e que non están incluídas, polo que no futuro máis inmediato traballarei nese sentido", asevera Rodríguez. Para este fin, a autora indica que ten en mente crear un enderezo de correo electrónico e tamén unha páxina web para que a xente "poida dalgunha maneira engadir e comentar as palabras que non encontra no dicionario para, se procede, pasar a engadilas en futuras edicións". 

Comentarios