1.173 persoas estudan galego de forma oficial no Bierzo, 5% máis que o curso pasado

58 alumnos máis que o curso pasado estudan lingua galega no Bierzo.
Acto en Cacabelos (O Bierzo) polo Día do Galego no Bierzo (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Acto en Cacabelos (O Bierzo) polo Día do Galego no Bierzo (Foto: Xunta da Galiza).

O número de persoas que estuda galego de forma oficial no Bierzo, en Zamora e León, ascende a 1.173, 5 % máis que no curso pasado, segundo confirmou esta quinta feira o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a súa intervención nas XV Xornadas Martín Sarmiento na localidade de Cacabelos.

Nestas xornadas, organizadas no marco das celebracións do Día do Galego no Bierzo pola Comisión Cultural Martín Sarmiento tratouse a consolidación do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Seabra, que reforza "vínculos históricos existentes" entre ambos os territorios.

 Ao amparo deste programa, 58 alumnos máis que o curso pasado estudan lingua galega.

As xornadas desta quinta feira iniciáronse no Marca de Cacabelos, cun encontro con alumnado de centros de secundaria e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada adscritos a ese programa de promoción do galego, e coa partipación do colectivo cultural Filandón Berciano.

A continuación, tivo lugar no Cinema Faba a entrega de galardóns da III edición dos Premios Molares, que promove a creatividade artística e literaria en lingua galega, e homenaxea ao escritor Antonio Fernández Morais, precursor da escritura en lingua galega no Bierzo.

Homenaxe a Antonio Pereira

O acto central incluíu a actuación de Pakolas, unha homenaxe polo centenario do nacemento de Antonio Pereira (autor de Villafranca), a presentación da páxina web ogalegonobierzo.org e o anuncio da convocatoria da IV edición dos Premios Morais.

O programa fecharase cunha mesa de debate con participación de docentes, representantes da administración educativa e axentes culturais.

O programa de promoción do galego, ademais do ensino na aulas, inclúe actividades complementarias, como visitas de estudos á Galiza.

Comentarios