A Xunta recorre ante a xustiza de Madrid en defensa do topónimo 'ría de Ribadeo'

Presentará un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.
Panorámica da ría de Ribadeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Panorámica da ría de Ribadeo. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego vai recorrer ante a Xustiza a decisión do Executivo estatal de dar carácter oficial á denominación ‘Ría do Eo’ para designar a ría en que desemboca ese río. Consecuentemente, argumentou que se defende que só teña oficialidade o topónimo ‘Ría de Ribadeo’, por ser o que “se empregou sempre historicamente” e tratarse dun “topónimo con séculos de antigüidade”, avalou.

“Non estamos sós”, aseverou o mandatario galego, quen refrendou o apoio do Goberno galego a este topónimo ao feito de que tamén outros organismos están a defender a oficialidade en exclusiva do topónimo Ría de Ribadeo e citou o concello desta localidade da Mariña, a Deputación de Lugo, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou expertos da Universidade de Santiago.

Débese lembrar que unha resolución do Instituto Xeográfico Nacional (IXN), ditada logo de informe preceptivo da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, estableceu en novembro de 2022 que ambos os topónimos debían ter o mesmo carácter oficial.

A Xunta presentou, xunto con entidades locais e asociativas da Galiza, un recurso ante a Subsecretaría de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que foi desestimado o pasado mes de xaneiro. Por iso, Rueda explicou que o Consello da Xunta acordou esta quinta feira presentar un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid contra a resolución do IXN do pasado novembro.

O mandatario galego apuntou que admitir unha alternativa de recente creación para un topónimo de séculos de antigüidade, como é o caso de ría de Ribadeo, supón infrinxir a Lei 10/2015, do 26 de maio, que salvagarda o patrimonio cultural inmaterial, xa que constitúe unha agresión ao topónimo tradicional, tendo en conta que a toponimia tradicional está protexida.

Ademais, Rueda fixo fincapé en que a Comisión de Toponimia da Galiza tamén considera que dotar de oficialidade estes dous topónimos vulnera a normativa e contradí informes oficiais da propia Comisión Especializada de Nomes Xeográficos datados en 2008.

Comentarios