A Xunta recorre a resolución favorábel ao topónimo 'ría do Eo': "É incorrecto xeográfica e semanticamente"

A forma oficial 'ría de Ribadeo' está apoiada pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura, a Deputación de Lugo, o Concello de Ribadeo e o Grupo ANTE de Investigación de Análise Territorial da USC.
Vista da ría de Ribadeo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Joaquín Milans / Turismo de Ribadeo)
photo_camera Vistam a da ría de Ribadeo. (Foto: Joaquín Milans)

Segue a polémica a conta do topónimo oficial da ría que exerce de barreira natural entre a Galiza e Asturias. A Xunta da Galiza, segundo informa esta segunda feira nun comunicado remitido aos medios, vén de presentar un recurso de alzada contra a decisión do Instituto Xeográfico Nacional (IXN) en relación con esta ría, denominada oficialmente 'do Eo' polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana após solicitalo o Goberno asturiano.

O Executivo galego considera que esta nomenclatura é incorrecta tanto xeográfica como semanticamente e, por tanto, vulnera a normativa reguladora da determinación dos topónimos oficiais. Trátase do principal argumento que a Xunta e a Comisión de Toponimia da Galiza incluíron no seu recurso ante o Ministerio de Transportes, ao que solicitan que revogue a decisión de conceder a oficialidade ao topónimo 'Ría do Eo', pois entenden que 'Ría de Ribadeo' é a "única oficial" para a desembocadura do río Eo no Cantábrico e que a proposta de Asturias debería quedar como "unha variante" desta.

Desde a Consellaría de Cultura lembran que a postura está apoiada pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Grupo ANTE de Investigación de Análise Territorial da USC, a Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo. Neste senso, a Xunta defende que o argumento empregado polo Principado de Asturias de que 'Ría do Eo' é unha denominación asentada de forma maioritaria na marxe asturiana "non chegou a consenso" entre os membros da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos (CENX), o órgano encargado da emisión dun informe técnico sobre o que asentar a decisión.

Así, o representante da Real Sociedade Xeográfica nesa comisión emitiu entón un voto particular co que discrepaba do asentamento desta denominación na zona e, aliás, precisaba que as rías, como entidade xeográfica, non teñen vinculación á rede hidrográfica, pois "non pode estar adscrita, en ningún caso, a un río que desemboque nela".

O Goberno galego subliñou que no extremo norte da ría que separa xeograficamente a Galiza e Asturias desembocan outros tres ríos —Suarón, Monxardín e Grande—, polo que incluír no nome da ría unha mención a só un deles "resultaría contrario á realidade xeográfica".

Outro dos argumentos sobre os que repousa o recurso galego é que 'Ría de Ribadeo' é o topónimo "correcto" desde o punto de semántico e que serve como "único identificador xeográfico oficial de referencia" pois así está recollido en "fontes toponímicas e cartográficas". Así pois, considera que "non é adecuado" incorporar un "erro conceptual" na nomenclatura dunha zona "por moito que o seu uso sexa maioritario dun lado da ría".

"Esta 'tradición', usada como argumento polo Goberno asturiano, é un concepto xurídico indeterminado que non pode vincularse simplemente a un grao de uso e de maior difusión social a partir dunha data recente como consecuencia, precisamente, da reivindicación que fai o Principado de Asturias", asevera a Xunta.

O recurso tamén lembra a recomendación de Nacións Unidas para a normalización de nomes xeográficos coa que busca que cada nome da Terra teña unha única forma de chamarse e que, no caso da ría de Ribadeo, a única denominación oficial até o de agora é a máis asentada e usada tanto polas poboacións da área como na cartografía hidrográfica e topográfica e mais en atlas e publicacións xeográficas.

E, por último, a Xunta cualifica de "errónea" a "crenza" de que os topónimos deben ser froito "dunha convención ou acordo entre as partes, o cal só se explicaría desde o descoñecemento ou desvalorización da súa dimensión patrimonial". "Sería un erro pensar que o topónimo 'Ría de Ribadeo' supón algún tipo de preeminencia para Ribadeo ou para a Galiza ou, mesmo, unha negación da súa condición tan asturiana como galega", conclúe a Consellaría de Cultura no escrito.

Comentarios