"El catalán, el gallego y el euskera no debieran de ser oficiales": Pedro Insua, a polémica 'fichaxe' da Radio Galega

O programa 'A Tarde' contará todas as segundas feiras, segundo el mesmo confirmou, co autor de obras revisionistas como '1492: España contra sus fantasmas' e que ten cuestionado en numerosas ocasións o uso da lingua galega por parte das administracións públicas.
Pedro Insua, nun relatorio. (Foto: Fundación G. Bueno)
photo_camera Pedro Insua, nun relatorio. (Foto: Fundación G. Bueno)

O novo colaborador habitual da Radio Galega, o escritor e filósofo vigués Pedro Insua, seguidor do pensamento de Gustavo Bueno, non deixa ninguén indiferente nas súas intervencións en redes sociais. En reiteradas ocasións tense pronunciado en contra do uso por parte dos entes públicos da lingua galega; a mesma, por outra parte, que vai utilizar no programa no que desde agora colabora todas as segundas feiras: A tarde, de Antón Rebollido, a través da sección 'Galegos pola historia'.

"Que no sabes gallego pero, como ciudadano español, quieres saber lo que ocurre ahí dentro, en esa institución regional española? Pues te jodes...", dicía nun chío, aludindo á axenda diaria do Parlamento, publicada en galego a través de Twitter. "La Xunta vulnerando el artículo 3 de la Constitución española, como todos los días", sinalaba noutra publicación, cuestionando o uso desta lingua para anunciar, nese caso, as medidas de protección fronte á Covid.

Máis aló diso, Insua tense referido ao idioma galego como "dialectizado e ruralizado". "El catalán, como el gallego y el euskera, forman, cada uno de ellos, un conjunto de dialectos. Son lenguas dialectizadas y ruralizadas", defendía, citando unha entrevista á tenista Paula Badosa na que consideraba que o catalán "non é unha lingua".

"Me gustaría saber -y pregunto a mis amigos galleguistas- ¿cuánto va a durar el proceso de "normalización lingüística"?, ¿hasta que desaparezca el español de Galicia, quizás?, ¿es eso?", comenta, noutro chío no que alude directamente á Mesa pola Normalización Lingüística e a obra O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón.

O polémico autor ten tamén chegado a afirmar que o galego, o euskera e o catalán "non deberían" gozar dos seus status actuais de oficialidade: "El catalán, como el gallego y el euskera no debieran de ser oficiales, por no ser comunes a toda España".

No terreo literario, Pedro Insua é autor de diferentes obras revisionistas da historia e defensoras do imperialismo español como 1492: España contra sus fantasmas ou El orbe a sus pies, e escribiu os prólogos doutros libros como Sobre la leyenda negra, de Iván Vélez, director da Fundación DENAES (Defensa da Nación Española), organización con estreitos vínculos con Vox e outros movementos de extrema dereita españois.

Comentarios