Palabras con memoria: xogos

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
O xogo tradidional da Mariola (Foto: yanadjan / Adobe Stock).
photo_camera O xogo tradidional da Mariola (Foto: yanadjan / Adobe Stock).

caadas.- Xogo que consistía en que dous nenos agarrados rodasen polo chan. Isto era mais divertido cando había unha boa pendente.

Exemplo.- “Xogamos ás caadas?”

Lugar de escoita.- Santa María de Vigo.

Fonte.- Ana María Santiso Sanjurjo.

castro.- (Ademais de significados rexistrados) Xogo de nenas que consiste en facer uns recadros no chan polos que hai que levar un tello, a pé manguiño, sen saír fóra, pisar as liñas ou pousar o pé. Mariola.

Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota (A Coruña).

Fonte.- Mar Llinares García.

couto.- (Ademais dos significados coñecidos e recollidos nos dicionarios convencionais) No xogo da queda, palabra que se berraba logo de acadar lugar con inmunidade.

Lugar de escoita.- Ourense.

Fonte.- Anselmo López Carreira.

pello.- (Ademais doutros significados rexistrados) Xogo infantil: mariola.

Exemplo.- “Imos xogar ao pello.”

Lugar de escoita.- Beade (Vigo) e contorna.

Fonte.- Josefina Davila Davila.

pincho.- (Ademais de significados xa rexistrados) Xogo que consistía en lanzar ou petar un pau noutro. Outra variante consistía en que os xogadores espetasen un pau na terra. Gañaba o que o cravaba máis fondo.

Lugar de escoita.- Porto do Son.

Fonte.- José Castro/ C.D. Atalaia de Vigo.

Comentarios