Palabras con memoria: xentilicios

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Lugoslavo é un xentilicio humorístico que utilizan na Mariña para se referiren aos veraneantes de Lugo. Na imaxe, a praia das Catedrais de Ribadeo. (Foto: Alessandro Calzolaro)
photo_camera Lugoslavo é un xentilicio humorístico que utilizan na Mariña para se referiren aos veraneantes de Lugo. Na imaxe, a praia das Catedrais de Ribadeo. (Foto: Alessandro Calzolaro)

cangueiro/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Xentilicio de Cangas, cangués/a.
Exemplo.- “Estes cangueiros sempre montando unha boa.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Salvador Castro Rúa.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

cangulo/a.- Denominación chocalleira do ou da habitante de Cangas.
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Aurora Otero Loira.
Outros apuntamentos.- Propia de Bueu. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

carneiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Nativo de Camariñas para os muxiáns.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

lugoslavo/a.- Xentilicio humoristico mariñán dedicado aos veraneantes de Lugo capital.
Exemplo.- “No verán a praia de Altar énchese de lugoslavos.”
Lugar de escoita.- San Cosme de Barreiros (Lugo).
Fonte.- Isidro Novo.

lulú.- Xentilicio humorístico que os habitantes da localidade coruñesa de Miño dedican a cada un dos lugueses praieiros que adoitan superpoboala nos meses de verán.
Exemplo.- “Nos meses de xullo e agosto, a nosa praia está chea de lulús.”
Lugar de escoita.- Miño (A Coruña).
Fonte.- Fernando Carreira.
Outros apuntamentos.- Esta simpática e canina denominación, ten a súa raíz etimolóxica na matrícula dos autos cando esa identificación era provincial (LU).

Comentarios