Palabras con memoria: problemiñas

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Esturriar é sinónimo de argallar, tramar ou maquinar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Esturriar é sinónimo de argallar, tramar ou maquinar. (Foto: Nós Diario)

antuviar.- (Ademais de significados rexistrados) Inventar, preparar algo de pouca importancia ou valor.
Exemplo.- “Que andas a antuviar?”
Lugar de escoita.- O Pino.
Fonte.- Isabel Figueira.

caghapoquitos.- Persoa que pretende aparentar unha educación e clase da que carece, tratando de distinguirse entre os iguais e caendo no ridículo.
Exemplo.- “Cando bebe, levanta o dedo meimiño, que caghapoquitos!”
Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

cercha/o.- Persoa que fala de máis.
Lugar de escoita.- Boiro.
Fonte.- Alumnado do CEIP Praia Xardín (recompilado polo EDLG do Centro).

esquifar.- Delatar, acusar, irse da lingua.
Lugar de escoita.- San Martiño e San Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo), Loira (Marín).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

esturriar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Argallar, tramar, maquinar.
Exemplo.- “Que andades esturriando?”
Lugar de escoita.- As Encrobas (Cerceda).
Fonte.- Xosé Antón Bocixa Rei (escoitado á súa nai).
Outros apuntamentos.- Di a fonte que adoitaba usarse cando alguén estaba a facer algo con certo segredo de utilidade dubidosa, sobre todo na idade infantil. De todas as maneiras, en ocasións excepcionais esturriar tamén podía levar a algo verdadeiramente útil.

Comentarios