Palabras con memoria: imperfeccións

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
'Catamontrear' úsase para andar ao tolo, como as cabras (Foto: Unitas Photography).
photo_camera 'Catamontrear' úsase para andar ao tolo, como as cabras (Foto: Unitas Photography).

catamontrear.- Andar ao tolo, como as cabras.

Exemplo.- “Este rapaz non fai máis ca catamontrear.”

Lugar de escoita.- Quireza (Cerdedo-Cotobade).

Fonte.- María Asunción Álvarez Touriño.

colimaia/colimaiada.- Fato de trastes, chusma, caninea, gandallada.

Lugar de escoita.- Corme (A Coruña).

Fonte.- Xulio López Valcárcel.

de debaixo da cama (ser un xan).- Expresión apostilada para a coñecida definición popular de quen non é moi espelido e carece de carácter (xan).

Lugar de escoita.- Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

espurrida/o.- (Ademais de significados xa rexistrados) Persoa mal comedora.

Exemplo.- “É tan espurrida que non sei que lle vou dar de comer.”

Lugar de escoita.- Sober.

Fonte.- Ramón Sandoval.

faltar unha tella.- Escasearlle a intelixencia a unha persoa.

Exemplo.- “A ese rapaz fáltalle unha tella.”

Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).

Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

Comentarios