O Concello de Santiago ameaza con suspender o acto de Queremos Galego

Após recorrer a fianza que a administración local impuña á plataforma cidadá Queremos Galego, o Partido Popular de Santiago asegura que se instalan o palco na Praza da Quintana sen depositaren previamente os 600 euros de fianza, o acto podería ser supendido.

Sen reparar no propio texto da ordenanza municipal pola que se estabelece que a corporación --con carácter potestativo-- poderá fixar unha fianza a aquelas entidades que desenvolvan actos na rúa, e obviando as propias verbas do Concello polas que aseguraban que non cobrarían a aquelas organizacións sen ánimo de lucro; a alcaldía de Santiago de Compostela ameaza máis unha vez á plataforma en defensa da lingua.

Neste senso, Queremos Galego denuncia que a administración compostelá exixe o depósito dos 600 euros de fianza se queren situar un palco na Praza da Quintana en que celebrar o remate da manifestación convocada en defensa da lingua para este domingo (27 de xaneiro). Segundo puido saber este medio de comunicación, o Concello asegurou á Plataforma que sen fianza non haberá palco, mais que se teiman en instalalo, o acto mesmo podería ser disolto ou suspendido.

Non é a primeira vez que desde a capital da Galiza se tenta pór atrancos ao decorrer dunha mobilización a prol do galego. Porén, desde o Concello nunca chegaran tan lonxe. O presidente da Plataforma, Carlos Callón rebelábase perante as ameazas cunha mensaxe rotunda en Twitter. Callón asegurou que malia lles impediren "usar o palco, non nos poden impedir usar as gorxas". 


Comentarios