Volve o LGx15, presencial e con máis ganas e ideas

 O 16 de outubro en Santiago de Compostela, conducido polo actor, escritor e humorista Carlos Meixide.

galego CTNL LGx15
photo_camera Imaxe de aqruivo dunha edición anterior de LGx15

Tras unha edición en 2020 só desde as redes sociais, o ‘ volve a ser un evento con público.  A sétima edición do LGx15 terá lugar na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, en Santiago de Compostela, o 16 de outubro ás 18 horas.

O VII LGx15 incluirá seis charlas breves, nas cales se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma. O acto será presentado polo actor, escritor e humorista Carlos Meixide.

Futuro da lingua

As persoas convidadas á sétima edición do LGx15 son: Alice Piccardi (xornalista italiana afincada en Galiza, que nos contará a súa experiencia como “Alice no país da diglosia”), Xosé Luís Reza (especialista en márketing, quen abordará o valor de mercado da nosa lingua en “O galego como elemento diferenciador”), Ana Moreiras (docente e coordinadora do festival audiovisual escolar Olloboi, que partirá da súa experiencia profesional para analizar as repercusións de iniciativas coma esta na autoestima da mocidade; o título da súa intervención é “Olloboi: normalización do galego no audiovisual que usa a mocidade”), Agos Reigosa (impulsor de Twitch en Galego, quen nos mostrará a situación e as potencialidades da lingua nas novas plataformas de comunicación, coa charla “Internet non é lugar para o galego”), María Vázquez (actriz, que nos falará das decisións que repercutiron na educación das súas crianzas e na súa actividade laboral coa intervención “Crianza en galego… Volver ás orixes”) e Paco Cerdeira Pakolas (músico, compositor e produtor, que nos relatará o seu percorrido lingüístico entre México e Galiza con “Nin de eiquí nin de acolá”).

As charlas terán unha duración máxima de 15 minutos e as persoas convidadas falarán de lingua, pero tamén de audiovisual, de mercado, de autoestima, de educación, de redes sociais...

As intervencións serán gravadas e posteriormente difundidas a través da rede. Os 45 vídeos das intervencións das edicións anteriores poden verse no web do LGx15 e en YouTube

O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago de Compostela.

Entradas

As entradas desta nova edición do LGx15 serán gratuítas, mais cumprirá reservalas a través de Internet a partir do 7 de outubro. Durante o acto será necesario respectar as medidas de seguranza sanitaria co uso de máscara, distancia interpersoal e hixiene de mans.

Comentarios