A Mesa leva á RAG a iniciativa pola presenza do galego nas plataformas audiovisuais

Pide que a nova Lei do Audiovisual do Estado iguale para o galego as cotas estabelecidas para o castelán nas plataformas dixitais

amesa real academia
photo_camera Celia Armas, Henrique Monteagudo, Víctor Freixanes e Marcos Maceira

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e mais a Secretaria Xeral da Mesa, Celia Armas, presentaron esta segunda feira ao presidente e ao vicesecretario da Real Academia Galega, Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo, a Iniciativa Queremos audiovisual en galego, que conta co apoio unánime das forzas políticas galegas para que a nova lei xeral de comunicación audiovisual que ultima o goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, da lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado establecidas para o español.

Maceira recordou que a Lei do audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. "Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura", abondou, "e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)". Armas salientou, pola súa banda, o aval das máis de 33.000 sinaturas coas que chegou a Iniciativa Xabarín ao Parlamento galego.

O texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego instaba a: "que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda" e mais a "reclamar da  Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App".

A delegación da mesa trasladou á directiva da RAG que "é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega" que a nova lei audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar".

"Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente", recorda Maceira, "e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e a mocidade e infancia e particular".

O proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual elaborado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital obviaba a pluralidade lingüística do Estado e rexeita a  protección específica do galego, do éuscaro e do catalán. 

O proxecto de lei estabelece que os servizos de televisión lineal deben reservar "a obras audiovisuais europeas polo menos 51% do tempo de emisión anual de su programación". Desta porcentaxe, gardará "como mínimo 50% a obras en castelán ou nas linguas cooficiais", precisa. Na mesma liña, fixa unha cota de obra audiovisual europea de "polo menos 30%" nos catálogos dos servizos baixo demanda como Netflix, HBO ou Amazon Prime; da cal, "como mínimo 50% se reservará a obras en castelán ou nalgunha das linguas cooficiais".

Comentarios