A Mesa solicita aos deputados galegos do Congreso que empreguen a lingua galega nas súas intervencións

Armengol admite “complexidades” para o uso de galego, catalán e esukera no Congreso español

Concentración de plataformas das linguas do Estado decorrida ás portas do Congreso español o pasado 25 de maio. (Foto: A Mesa)
photo_camera Concentración de plataformas das linguas do Estado decorrida ás portas do Congreso español o pasado 25 de maio. (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou formalmente a todas as deputadas e deputados galegos no Congreso español que empreguen o galego en todas as súas intervencións.

Nunha carta remitida aos deputados e deputadas das Cortes elixidas polas catro circunscricións galegas e asinada polo seu presidente, Marcos Maceira Eiras, a entidade considera que sería “un primeiro paso esencial para pór fin a todas a barreiras ao galego na Administración e poderes do Estado” español.

Fin do veto

Esta demanda da Mesa encádrase no anuncio feito pola presidenta da Cámara baixa, a socialista Francina Armengol, que esta quinta feira anunciaba que levantaría o veto ao galego, catalán e euskera no Congreso.

“Temos a oportunidade de mostrar a nosa gran riqueza e por iso, quero anunciarlles que esta Presidencia permitirá a utilización de galego, catalán e euskera a partir desta sesión constitutiva”, manifestou Armengol.

Non obstante, un día despois, esta mesma sexta feira, Armengol recoñeceu que implantar o uso de galego, catalán e euskera “ten as súas complexidades” en canto a medios e dixo que estudará as “posibilidades técnicas” coas que conta o Congreso, afirmando tamén que o obxectivo é que estas linguas poidan utilizarse “o máis rápido posíbel”: “É o meu compromiso”, dixo.

Nesta liña, descartou estabelecer un calendario e enumerar os medios que serían necesarios, após ser preguntada se será posíbel levantar o veto xa nesta lexislatura que acaba de iniciar.

Comentarios