A CiUG elimina a historia do galego anterior a 1981 do temario da ABAU e A Mesa cualifica a decisión de "inexplicábel"

A decisión causou sorpresa nos institutos en que se cursa bacharelato xa que recibiron a circular coa información relativa ao temario de galego unha vez iniciado o curso académico e con varios exames xa realizados ao alumnado que se someterá ás probas da ABAU.
Alumnado accedendo a unha das aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para realizar os exames da Abau. (Foto: Arxina)
photo_camera Alumnado accedendo a unha das aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para realizar os exames da Abau. (Foto: Arxina)

Unha circular da Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), órgano encargado de organizar os exames da proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) elimina, para o exame de lingua galega, calquera posibilidade de realizar unha análise histórica e sociolingüística anterior ao ano 1981. “As preguntas sobre historia da lingua centraranse no galego despois da súa oficialización en 1981”, di textualmente a circular.

Unha decisión que causou sorpresa nos institutos en que se cursa bacharelato xa que recibiron a citada circular unha vez iniciado o curso académico e con varios exames xa realizados ao alumnado que se someterá ás probas da ABAU.

A xustificación que desde a CiUG deron a respecto desta mudanza xira a redor da entrada en vigor do decreto da Xunta da Galiza que modifica os contidos do bacharelato no país. Con todo, a CiUG tiña a postestade de mater o temario da ABAU como estaba até o de agora, polo que se ben a decisión é da CiUG, a responsabilidade última recae no Executivo galego.

"Inexplicábel"

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, manifestou en declaracións a Nós Diario que "isto é algo inexplicábel desde calquera punto de vista. Xa nos diriximos á CiUG para que rectifique esta decisión canto antes".

"Só se pode explicar esta decisión por tratarse dun novo intento de eliminar o pasado galego para negarlle o futuro. Todo o mundo na Galiza debería coñecer a historia da súa lingua que vai moito máis alá dun período de apenas 20 anos", asevera Maceira ao tempo que indica que "non se pode consentir de ningunha maneira".

Precisamente sobre a importancia de coñecer a historia da Galiza e da súa lingua, o presidente da Mesa salienta que "nada do que acontece hoxe se pode coñecer ben senón se teñen unhas nocións mínimas do que ten acontecido no tempo anterior ao 1981. Isto responde a unha intención de dar a entender que o galego non existía ante dese ano".

Maceira tamén se pregunta de forma retórica se "no caso dos exames de lingua castelá tamén só se estuda desde 1981, ou si que se estuda a historia anterior?" para acabar subliñando que "de novo, o trato entre galego e español é moi desigual".

Comentarios