sábado 27/11/21

Gobernos do PP patrocinan actos na inexistente “La Toja”

“La Toja” é o nome inexistente que se usa para unha illa real. O topónimo, ilegal segundo a propia Lei de Normalización Lingüística, continúa a ser empregado pola Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove, ambos gobernados polo PP, que patrocinan o concurso “Isla de la Toja”. A Mesa presentou reclamación no Valedor do Pobo.

A Illa da Toxa é real e pertence administrativamente ao Concello do Grove, provincia de Pontevedra. “Isla de la Toja” non existe, en todo caso, sería un espazo de fantasía xa que a Lei de Normalización Lingüística recoñeceu hai máis de trinta anos a forma galega como a única oficial e correcta. Malia iso, tanto a Deputación de Pontevedra como o Concello do Grove continúan promocionando o espazo turístico co patrocinio de programas como o “VI Concurso nacional Canino Isla de la Toja”, que ambas entidades apoian economicamente. 

A Mesa pola Normalización reclama que se cambie o nome do concurso e se empregue unicamente a súa forma correcta, Illa da Toxa, solicitando que se modifique tamén toda a cartelería na que aparece a forma deturpada. “O diñeiro das galegas e galegos non se pode utilizar para financiar agresións ao noso patrimonio”,sinalou Marcos Maceira, presidente da MNL; que tamén se referiu ao uso que a propia Xunta está a facer da forma castrapizada “Conjo” nas portas do Hospital Psiquiátrico compostelán dependente do Sergas, outro exemplo das múltiples queixas que continúan a chegar á Mesa polo uso indebido dos nomes de lugares que non respectan a forma legal en galego. 

Ao Valedor do Pobo

A MNL ademais de solicitarlle ás institucións a inmediata corrección das deturpacións vén de presentar perante o Valedor do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística reclamacións para que interveñan no uso legal dos topónimos. 

As novas denuncias chegan apenas un mes despois de que tanto a MNL como Prolingua esixiran á Secretaría de Política Lingüística que interviñera nas actuacións do Ministerio de Agricultura e Renfe que incumprían a legalidade empregando topónimos deturpados como “Orense”, “Sangenjo”, “Villanueva de Arosa” ou “Cotobad”. 

Gobernos do PP patrocinan actos na inexistente “La Toja”
comentarios