domingo 01/08/21

Así avanza a Iniciativa Xabarín na CRTVG

A CRTVG vén de pórse en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística para lle informar sobre os puntos da Iniciativa Xabarín nos que está a traballar.

A Mesa logra máis de 33.000 sinaturas para a Iniciativa Xabarín
Un acto da Mesa, a prol da Iniciativa Xabarín, que decorreu este ano en Compostela.

O 12 de maio o Parlamento da Galiza aprobaba por unanimidade a proposta impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística coñecida como Iniciativa Xabarín para reforzar os contidos audiovisuais en galego para público infantil e xuvenil.

En virtude do acordo, o Parlamento instou a CRTVG a aumentar a oferta destinada aos citados sectores de poboación e un mes despois coñecemos os primeiros pasos.

A Mesa vén de anunciar que a CRTVG está a traballar na Iniciativa Xabarín co reforzo e promoción das catro canles dixitais: a propia aplicación da CTVG; a aplicación específica Xabarín; a Canle web Xabarín e a Radio Picariña.

Ademais, o ente público traballa no deseño dunha canle dixital Xabarín Over The Top (OTT) a partir de 2022. Coñécense como OTT no sector das telecomunicacións as plataformas que emiten contido por internet sen necesidade de recorrer a operadores tradicionais de difusión.

Por outra banda, a CRTVG confirmoulle á Mesa que está a actualizar as citadas aplicacións para que sexan visualizadas e compatíbeis con todos os dispositivos a partir deste outono e comprometeuse cunha actualización constante das mesmas.

A Iniciativa Xabarín chegou ao Parlamento apoiada por máis de 33.000 persoas co fin de que a CRTVG aumentase a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle "Xabarín".

A proposta tamén instaba a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, tivesen versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.

comentarios