mércores 19/05/21

Ningunha das 10 canles temáticas infantís e xuvenís das operadoras de TV ofrecen contido en galego

O ‘Informe Xabarín’ da Mesa evidencia a exclusión da lingua galega nos contidos audiovisuais tanto en versión orixinal como dobrada ou lexendada, tamén nas plataformas de TV, con só 1 de cada 1000 títulos en galego


 
canle infantil

A Mesa vén de facer público o ‘Informe Xabarín’, un estudo sobre a presenza do galego nas operadoras e plataformas de contidos audiovisuais que conclúe que ningunha das dez canles temáticas infantís que ofrecen de media as principais operadoras de TV por fibra óptica ofrece contido en galego e que só 25 dos máis de 25000 títulos no catálogo global que ofrecen as operadoras recolle a opción do galego, ben en versión orixinal, dobrada ou lexendada. Ademais, o informe recolle que TVE non chega a 40 minutos diarios en galego fronte ás 119,4  diarias en castelán.

A Mesa presenta este “demoledor informe” após se reunir cos grupos parlamentares de PP, BNG e PSdG para presentarlles a Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza para instar o Goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos. 

 “É lamentábel que unha meniña ou un meniño galego en Galiza teña mais opcións de visualización contidos en francés, en chinés ou árabe que en galego”, indica Maceira

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “a receptividade mostrada polo grupos parlamentares é esperanzadora”. As posíbeis dificuldades técnicas e administrativas na emisión dunha canle ‘Xabarín’ da TVG por TDT poderían ser salvadas incluíndoa nos paquetes básicos de TV por fibra optica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil así como dispoñibilizando a App Xabarín para todos os dipositivos e Smart TV.

A iniciativa Xabarín promovida pola Mesa procura tamén que Parlamento galego reclame ao Goberno español que TVE exerza como canle pública dobrando e lexendando ao galego todos os seus contidos e que as cotas que fixará a nova Lei Xeral do Audiovisual para o castelán na dobraxe lexendaxe ou financiamento de producións audiovisuais, sexan idénticas para o galego.

Deste modo, ademais dos posíbeis acordos coa Xunta, A Mesa indica que tamén a lexislación garantiría os contidos en galego en pltaformas como HBO, Netflix ou Filmin.

“O galego ten que deixar de estar excluído da oferta audiovisual” recorda Maceira. “É lamentábel que unha meniña ou un meniño galego en Galiza teña mais opcións de visualización contidos en francés ou un rapaz ou unha rapraiga en chinés ou árabe que en galego” denuncia.

comentarios