xoves 09.07.2020

Expertas e docentes contrastan a situación do galego no ensino coa do catalán e o éuscaro

Unha xornada organizada pola CIG-Ensino e a AS-PG en Compostela contrasta a situación do galego nas aulas coa do catalán e o éuscaro, cando se fan dez anos do Decreto de Plurilingüismo, máis coñecido como “o decreto anti-galego”, instaurado polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo desde a Xunta da Galiza.

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, e a profesora e escritora Pilar García Negro (Imaxe: CIG)
Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, e a profesora e escritora Pilar García Negro (Imaxe: CIG)

Sob o título ‘O ensino en galego, o galego no ensino” decorre este sábado 25 de xaneiro a xornada organizada pola CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) na que se analiza a situación da lingua galega nas aulas, precisamente no curso en que se fan dez anos da implantación do Decreto de Plurilingüismo polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo.

Desde a CIG lembran os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que amosan o declive que sofre o galego ante “unha Administración que nin sequera cumpre co mandato do propio decreto de avaliar e pór os medios para que isto non se dea”, denuncia o sindicato.

A xornada está dirixida a docentes e ten lugar no IES As Fontiñas da capital galega. Para tratar precisamente a situación do galego no ensino público entre as relatoras atópase Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña e escritora, coa palestra ’A lingua galega no ensino. Acomodación ou normalización?’.

Co obxectivo de contrastar a situación co que está ocorrendo en Catalunya, Pere Mayáns, xefe de Apoios e Recursos Lingüísticos da Consellaría de Enseyament da Generalitat, imparte a palestra ‘A escola no proceso de normalización lingüística do catalán’.

Tamén está Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, coa ponencia ‘Competencia na lingua propia no sistema educativo da Comunidade Autónoma Vasca: luces e sombras’.

‘Abrir as portas a un novo tempo’ é o título da intervención da profesora e escritora Mercedes Queixas Zas e farase ademais unha posta en común de experiencias normalizadoras do profesorado do ensino público naqueles ámbitos nos que o Decreto máis negativamente incidiu, como é a educación infantil, matemáticas, actividades complementarias, equipos de dinamización da lingua galega ou no plan lingüístico de centro.

Así, queren as entidades organizadoras pechar estas xornadas “en positivo”, vendo como o profesorado “está a enfrontar estes ataques normativos a través de iniciativas nestes cinco ámbitos”.

comentarios