Reivindican o valor da escola na normalización das linguas minorizadas

No décimo aniversario da aprobación do decreto do plurilingüismo, a Asociación Socio-Pedagóxia Galega (AS-PG) e a CIG Ensino organizan unha xornada de debate e reflexión sobre a situación do galego no ámbito educativo. 2010 tamén foi o ano da mobilización histórica de Queremos Galego contra unha norma que priva o uso da lingua nas aulas. Das consecuencias destes límites e das experiencias lingüísticas no ensino catalán, vasco e galego falan este sábado nun encontro dirixido á comunidade docente.

 

o galego e a formula 900
photo_camera Correlingua 2019 en Santiago de Compostela.

Un dos obxectivos da xornada O galego no ensino. O ensino en galego é, segundo recoñecen a CIG Ensino e a AS-PG, "contrastar a situación do galego coa do catalán e o éuscaro, ademais de difundir experiencias normalizadoras en diferentes etapas educativas do ensino na Galiza".

Pere Mayans, xefe de Servizo de apoios e recursos lingüísticos do Departament d'Ensenyament da Generalitat de Catalunya asiste á xornada co obxectivo de explicar a importancia da escola no proceso de normalización do catalán, pero tamén para desmentir algunhas ideas moi estendidas que non se axustan á realidade do país.

"Os usos lingüísticos dependen de todo o que pasa arredor, tamén fóra da escola".

"A escola contribuíu e facilitou o coñecemento da lingua catalá desde a súa introdución nos anos 80 e 90, pero a escola, por si soa, non normaliza un idioma", comenta Pere Mayans en conversa con Nós Diario. "Os usos lingüísticos dependen de todo o que pasa arredor", fóra da escola. E se se perde isto de vista, di, "pode pasar como en Irlanda, onde o gaélico se converteu na lingua da escola pero non na lingua da vida".

Competencia lingüística

Mayans mantén que o sistema educativo de Catalunya ten o catalán como lingua de referencia. "Non é de inmersión", di, unha metodoloxía que só empregan nos casos nos que é necesario. Con todo, serve para que todo o alumnado, "independentemente da súa orixe e da súa lingua habitual", acabe a ensinanza obrigatoria co mesmo coñecemento de catalán e de castelán, "e cun nivel de castelán mellor que o que o Estado recoñece entre estudantes doutros territorios.

A aprendizaxe dunha lingua, defende, favorece a da outra, "e non é verdade", engade, "que o alumnado que fala castelán saia prexudicado". Neste sentido, avoga por mellorar a oferta de ocio e cultura en catalán, porque para moitos estudantes, "a escola é o único espazo de contacto coa lingua".

"Exiximos unha reforma integral do sistema educativo e das políticas lingüísticas".

Desde Euskadi, Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, o consello de organismos sociais do éuscaro, achega unha experiencia diferente á catalá. "Nós vimos dun sistema de separación que hoxe vemos inviábel. Talvez, operativamente, nos anos 80 non había outra opción, pero hoxe non podemos seguir deixando que as familias condicionen o dereito á educación dos seus fillos e fillas, e o dereito a que coñezan a súa lingua propia".

Nestes anos, asegura, o sistema lingüístico mellorou e a propia escolla dos pais derivou "na alza continuada dun modelo de inmersión no que o éuscaro é a lingua vehicular e o castelán unha materia máis". Neste proceso, engade, houbo unha renovación profunda do profesorado e un investimento "terríbel". 

"Desde hai 10 ano, por lei, non se poden impartir as ciencias en galego"

Na actualidade identifica varios retos lingüísticos, porque ningún modelo logra unha esuscaldunización óptima. "Queda moito alumnado sen unha competencia lingüística adecuada e isto exixe unha reforma integral do sistema educativo e das políticas lingüísticas", para que as crianzas saiban o idioma e para que o usen. Neste sentido, avoga pola creación dun alumnado éuscarofalante plurilingüe, "non coma no caso galego, que se usa este termo contra a lingua propia, minorizada". 

Ciencia en galego

Hai 10 anos que, por lei, en secundaria, non se poden impartir as ciencias en galego. Mais a resistencia do profesorado deu pé a experiencias normalizadoras que traspasan as aulas. Ás portas da aprobación do decreto do plurilingüismo, Cibrán Arxibai completou canda outros colegas o único material en galego para a ESO de matemáticas.

"A Xunta renegou del e mesmo tratou de impedir a súa difusión", asegura. Como profesor de matemáticas reclama o uso da lingua na materia, como promoveu xa no 79 o colectivo Vacaloura; e reivindica o papel do Día da Ciencia en Galego como acción reivindicativa e de protesta.

Comentarios