martes 09/03/21

Demandan a creación na UE dunha Valedora das Linguas e dun fondo para idiomas en perigo

A Mesa e as entidades de ELEN procuran o recoñecemento da diversidade lingüística na UE

202010201_ELEN_Comm_Meeting_AMesa

A vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, participou nunha xuntanza virtual con respresentantes da dirección xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea. Quintas aproveitou a participación da entidade galega neste encontro para reivindicar, xunto con outros colectivos integrantes da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN), o recoñecemento da diversidade lingüística na Unión Europea.

A Mesa e as entidades de ELEN, que representan 46 linguas de 23 Estados europeos, solicitaron á Dirección Xeral europea a concreción deste recoñecemento nunha serie de accións: a apertura dunha canle de comunicación continua entre ELEN e a Comisión, a creación dun fondo europeo para as linguas en perigo, o deseño dunha estratexia marco para as linguas minorizadas e a creación da figura do defensor das linguas e mais do Observatorio de Linguas.

As entidades de defensa das linguas pedíronlle, tamén, á Comisión Europea que adopte un mecanismo adecuado para garantir que os Estados implementen e cumpran a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas, para promover a igualdade lingüística e para erradicar o odio contra falantes de linguas minorizadas.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) ten como obxectivo a busca de beneficios, a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional.

Demandan a creación na UE dunha Valedora das Linguas e dun fondo para idiomas en perigo
comentarios