A Mesa pola normalización lingüística vén de facer unha valoración pública do mandato de Núñez Feijóo para o idioma galego. Unha lexislatura que o presidente da MNL resumiu nunha frase: "Hoxe é moito máis difícil vivir en galego que hai tres anos e medio". Carlos Callón considera que neste período, Feijóo "tombou o que se tiña feito nos 30 anteriores" a prol do noso idioma, polo que outorga ao presidente da Xunta e ao seu goberno o título de "o peor executivo para a nosa língua da historia da autonomía".
Nestes tres anos e medio non houbo "nin un só paso adiante para o galego", lembrou Carlos Callón
Callón lembrou que, mesmo nunha época de crise en que Núñez Feijóo presume de 'austeridade', o goberno autonómico "mobilizou nos seus primeiros dous anos de lexislatura recursos por máis de catro millóns de euros para atacar o galego". Como exemplos, o presidente da MNL puxo, entre outros, a orde de desbotar 190.000 libros de texto por estaren en galego, "o que custou ás arcas públicas e ás familias uns 3.800.000 euros".
"O galego une, Feijóo separa"
Nestes tres anos e medio non houbo "nin un só paso adiante para o galego", lembrou Carlos Callón, engadindo que esta denuncia fíxoa a propia Real Academia Galega. "Non pode ser que o inimigo número un do galego sexa quen tiña que ser o seu principal valedor", sintetizou.
Callón, como presidente da Mesa, fixo un chamamento a toda a cidadanía galega, "fale o idioma que fale", para mobilizarse o 21 de outubro co obxectivo de frear o PP e poñer fin a este período de ataques ao idioma propio da Galiza. "O galego une, Feijóo separa", concluíu.