COMO DICILO?

Arganas

espinha
photo_camera Argana é tamén a espiña dos peixes

Citabamos esoutro día a frase galega Facer dunha aresta un palleiro, é dicir ‘facer dun asunto miúdo un problema enorme’. Os portugueses teñen unha frase equivalente en Fazer de um argueiro um cavaleiro. Como tamén teñen outra próxima: Ver o argueiro no olho do vizinho e não ver a trave no seu,  que é equivalente á galega Ver o argueiro no ollo alleo e non ver no seu o fungueiro.

Diciamos tamén que  argana era unha palabra sinónima de aresta e reproduciamos a correspondente definición do dicionario da Academia Galega en liña:

(2) Filamento ríxido que se prolonga da casca do gran de trigo e doutros cereais. Quedáronme arestas na roupa.  

Ese é tamén un dos significados da palabra argana, e numerosas testemuñas falan de que no labor da malla dos cereais os filamentos eses, as arganas, ao voar, podían resultar molestos para os malladores e malladoras por se lles meteren nos ollos, no nariz ou a boca e por lles entraren na roupa e picaren o corpo.

Numerosas testemuñas falan de que no labor da malla dos cereais os filamentos eses, as arganas, ao voar, podían resultar molestos para os malladores e malladoras

Mais argana ten un segundo significado, o da espiña dos peixes, que é doado de entender pola semellanza entre os filamentos vexetais e as finas arestas laterais do esqueleto deses vertebrados. As arganas dos peixes poden tamén ser mesmo perigosas se quedan entaladas na nosa gorxa.

E de metáfora en metáfora: calquera comprende tamén que cando dicimos de alguén que está feito unha argana queremos dicir que esa persoa está extremadamente delgada.

Temos que ter coidado coas partículas miúdas para que non se nos meta un aruxo, un lixo, no ollo. En calquera caso, podemos perfectamente empregar en lugar de aresta, argana, argueiro ou aruxo, outras palabras sinónimas tan nosas como palliña, espiña ou lixo

Lembremos para remate a idea contida na frase que xa citamos enriba e que aparece no Evanxeo en galego deste xeito :

¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? (Lucas, 6, 41-42)

Comentarios