COMO DICILO?

Aresta

photo_camera Hai moita xente que adoita facer dunha aresta un palleiro

Aínda podemos escoitar en galego palabras como aresta, argana, argueiro ou aruxo que normalmente son infrecuentes e adoitan ser substituídas por outras palabras sinónimas, do mesmo significado. Debido á rareza do seu emprego son ás veces de difícil comprensión, máxime cando son palabras que poden ter varias acepcións.

Poñamos por caso a palabra aresta, da que reproducimos as definicións do dicionario en liña da Academia Galega :

"Substantivo feminino :

1.- Liña formada pola intersección de dous planos. As arestas dun poliedro. Deu coa cabeza contra a aresta da mesa.

2.- Filamento ríxido que se prolonga da casca do gran de trigo e doutros cereais. Quedáronme arestas na roupa

SINÓNIMO argana

3.-  Residuo que se lle tira ao liño ao mazalo. Despois de quitarlle as arestas, dispuxo o liño para tascalo. 

SINÓNIMOS tasco, tomento

4.- Partícula moi pequena, mínima porción dalgunha cousa. Co que devolveu non debe ter nin aresta no estómago."

Tamén en portugués existen as palabras devanditas, ou variantes delas. Imos sinxelamente reproducir os sinónimos de aresta que cita o Dicionário de Sinónimos da Porto Editora: alfinete; argalha; argueiro; aspereza; bagatela; canto; dificuldade; esquina; insignificáncia; limpadura; ninharía; palhinha; pragana; quina; rebarba. E de arujo son sinónimos: argueiro;  fagulha; faúla, maravalha.

A Academia Galega arrequécenos cunha frase feita as definicións reproducidas de aresta :

"Facer dunha aresta un palleiro"

Esaxerar

Non está tan mal como di, pero gústalle facer dunha aresta un palleiro.

Facer dunha aresta un palleiro, dunha palliña unha meda, dunha cousa cativeira unha cuestión enorme. Coma quen di de alguén que afoga nun vaso de auga ou que fai un problema grandísmo dunha dificultade mínima.

A existencia exclusiva de Aresta, argana, argueiro e aruxo  (talmente ou en variantes) na área da Península Ibérica, fundamentalmente en galego-portugués, levou a algúns filólogos a soster que esas palabras poderían proceder de formas prelatinas.

Seguiremos a falar delas e dalgunhas  locucións  que forman.

Comentarios