160.000 microtopónimos da Galiza, nun clic

Galiza Nomeada pon a disposición da cidadanía ducias de miles de  microtopónimos recollidos na primeira década do século.

monte do facho
photo_camera Monte do Facho.

A aplicación Galiza Nomeada incorporou este outono 160.000 microtopónimos recollidos entre os anos 2000 e 2011 a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG). A plataforma impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta para recuperar e divulgar os nomes da terra, posta en marcha a finais do ano 2019, xa incorporara o 60% dos algo máis de 400.000 microtopónimos ao seu visor, mais os demais estaban pendentes de dixitalizar, xa que a recolleita de campo foi realizada naquel momento localizando os nomes á man en ortofotos aéreas impresas.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza completou o proceso, subindo á mesma aplicación os 160.000 nomes restantes de montes, devesas, leiras, penedos, praias, fontes ou regatos, dispoñíbeis agora na rede para toda a cidadanía.

O proxecto toponímico da Real Academia Galega e do Goberno galego xa suma máis de 500.000 topónimos xeorreferenciados para consulta e descarga libre

O traballo de xeorreferenciación desta microtoponimia foi realizado nos últimos anos polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo cartográfico da Xunta, con cargo ao proxecto europeo GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal".

No marco deste proxecto de dixitalización do patrimonio cultural colectivo tamén se crearon a propia aplicación colaborativa Galiza Nomeada e o portal para a difusión da Toponimia de Galiza.

Este conxunto, que constitúe un auténtico tesouro do patrimonio cultural inmaterial,  é froito da unión das bases de datos do Proxecto Toponimia de Galiza, do Nomenclátor de Galiza e dos máis de 30.000 topónimos que os galegos e galegas achegaron dende finais de 2019 a través da aplicación Galiza Nomeada.

A previsión é que no ano 2022 toda a microtoponimia recollida entre 2000 e 2011 quede definitivamente dispoñíbel para o público en Galiza Nomeada.

Os últimos microtopónimos do Proxecto Toponimia de Galiza subidos á Rede forman parte de 184 concellos, o que supón case o 60% do total de municipios. O concello que encabeza a relación de topónimos incluídos desta volta é Muras, con 5.690. A continuación están A Veiga, con 5.155, e outros nove concellos con máis de 4.000 topónimos: Coristanco, Ourol, O Corgo, Mondoñedo, Guitiriz, Xermade, Castroverde, O Pino e Entrimo.

Comentarios