ARREDOR DA CIENCIA

A Semana do Libro e da Lectura de Carballo chega á década

Do 11 ao 15 de maio, celébrase en Carballo a Semana do Libro e da Lectura, que este ano leva como lema inspirador "Da ciencia á ficción"

 

Non hai ciencia que non naza da curiosidade e non hai mellor forma de espertala que a lectura. Achegarse á ciencia de maneira lúdica e inculcar o goce de ler son os obxectivos principais da edición deste ano da Semana do Libro e da Lectura, que se celebrará en Carballo do 11 ao 15 de maio. A cita, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o concello bergantiñán, chega este ano á súa décima edición, e faino baixo o lema “Da ciencia á ficción”. O programa foi presentado nesta cuarta feita no Pazo da Cultura carballés.

As poetas Lucía Aldao e María Lado, a ilustradora Noemí López, Baobab  Teatro, a narradora e actriz Bea Campos, a tamén actriz e contacontos Raquel Queizás e o Mago Richard formarán parte dun programa que tamén incluirá outras propostas. Entre elas, unha sesión divulgativa e unha obra de teatro organizadas polo do CSIC ao redor do traballo científico e adaptadas para o público infantil, así como obradoiros das máis diversas temáticas, dende robótica e extracción de ADN, até electrónica, papiroflexia ou maxia con obxectos cotiás.

A auga como valor

"Lucía Aldao,  María Lado, Noemí López, Baobab Teatro, Bea Campos e Raquel Queizás formarán parte do programa deste ano"

A Semana do Libro e a Lectura desenvolverase pola mañá nos centros de ensino carballeses, con alumnado de diversos cursos de Primaria e Infantil, e pola tarde no Pazo da Cultura con actividades abertas para ao público. O programa inclúe este ano, como novidade, o I Certame Escolar de Carballo “A auga que dá pan”, dirixido a alumnado de Educación Infantil e Primaria do municipio bergantiñán e dividido en dúas categorías: creación plástica, para Infantil, e banda deseñada,para Primaria. Por en valor a auga, non só como recurso natural, senón tamén como fonte de alimento e enerxía, será o fin do concurso, tal e como subliñou o presidente da AS-PG, Xoán Costa, no acto de presentación. O certame esixe participación grupal, ben de aulas ou de grupos dentro dunha mesma aula. Os gañadores daranse a coñecer o día da clausura, o venres 15 de maio.

O programa completarase con tres exposicións. Dúas delas estarán centradas no mundo editorial: unha con traballos do selo infantil Kalandraka, e outra con libros cedidos por diversas editoriais. Haberá tamén unha terceira mostra con materiais elaborados por alumnas e alumnos dos centros de ensino de Carballo ao redor do lema que este ano inspirou a Semana do Libro e da Lectura.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios