Festa da ATravés para lanzar o novo libro de Teresa Moure, 'Politicamente Incorreta'

A tarde de troula foi marcada para o sábado 29 de Marzo ás 16.30h en Compostela, na Praza do Toural. Canda a escritora estarán outr@s autor@s que teñen publicado nesta editorial. Non han faltar tampouco a música (ao vivo) nen, por suposto, os libros. 

capa
photo_camera CC SA-BY Sermos Galiza

Letras, ideas, libros, música (ao vivo), a fermosa pedra de Compostela e escritor@s, moit@s escritor@s. Son os elementos que compoñen a paisaxe primaveral --malia as posibilidades de chuvia-- escollida pola editora ATravés para o lanzamento dun novo título para a súa colección 'Das Ideas': Politicamente Incorreta: ensaios para um tempo de pressas, asinado por Teresa Moure. 

Hai agora un ano, e após dar ao prelo millentas páxinas escritas na norma ortográfica 'oficial', a que se ensina nas escolas, Moure colocouse a si propia nunha encrucillada. Obrigouse a escoller e decantouse pola opción máis arriscada, a da variante internacional da nosa lingua. Desde aquela até hoxe son tres os títulos con que agasallou o seu público leitor: Eu violei o lobo feroz (ATravés Editora, da Galiza), Uma mãe tão punk (Chiado Editora, de Lisboa) e este que agora se presenta, Politicamente Incorreta, con que repite experiencia coa ATravés xustamente para se reafirmar na escolla que fixo desde a encrucillada.

Que as súas ideas fiquen grafadas na norma ortográfica que defende

"A primeira necesidade que sentín foi que algunhas ideas que quero defender, e sobre as cales tiña escrito na normativa oficial, xa non fosen citadas nesa normativa porque xa non a sigo", explicou a autora nunha entrevista que Sermos Galiza publicou no seu semanario nº88 (aínda dispoñíbel na nosa loxa). Así, en Politicamente Incorreta @s leitor@s atoparán versións breves de obras xa coñecidas coma Queer-emos un mundo novo ou O natural é político, mais tamén textos inéditos da autoría de Moure e mesmo discursos pronunciados nos últimos tempos e que aínda non foran publicados. 

O resultado final presentarase o sábado 29 de Marzo na Praza do Toural, en Compostela, nun acto que encetará ás 16.30h e no cal Moure estará acompañada doutr@s autor@s que tamén teñen publicado na ATravés. Ela achegará 16 ensaios breves agrupados en catro unidades temáticas que levan por título 'Esse incómodo feminismo', 'Esse incómodo independentismo', 'Essa incómoda ecologia', 'Esse incómodo mundo'. Incómodo, si. Mais, sobre todo, politicamente incorrecto.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios