Débora Campos, nova presidenta da Asociación internacional de estudos galegos

O nomeamento tivo lugar no X Congreso internacional de estudos galegos que se celebra en Cardiff (Gales). Olga Castro será a vicepresidenta. O seguinte congreso terá lugar en Bos Aires en 2015.

A xornalista e profesora da Universidade de Bos Aires, Débora Campos, é a nova presidenta da Asociación internacional de estudos galegos (AIEG) despois de que fose elixida na asemblea da entidade celebrada en Cardiff (Gales). Na nova dirección desta institución figura, entre outr@,s a tamén xornalista, tradutora e profesora da Universidade de Aston (Birmingham), Olga Castro. Estes días a institución que coordina os centros de estudo galegos no mundo celebrou o seu X Congreso internacional ao redor do tema da "Galiza alén do Arco Atlántico: unha visión multidisciplinar dos estudos galegos".

Débora Campos foi membro da executiva da Asociación internacional de estudos galegos de 2009 a 2012 e en 2011 foi elixida académica correspondente da Real Academia Galega. Ademais leva o blog Fios invisibles.

Difundir a cultura galega no mundo
A Asociación internacional de estudos galegos (AIEG) naceu en 1980 nos Estados Unidos coa intención de difundir a cultura galega no mundo a través dos diferentes centros que xa existían. Na actualidade participan trinta centros de Europa, sete de América ademais do Consello da Cultura Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, a Real Academia Galega e as tres universidades da Galiza.

En Estados Unidos celebráronse os seus tres primeiros congresos (1985, 1988 e 1991). Despois trasladaríanse a Europa a partir de 1994 e pasarían a ser trianuais celebrándose en Oxford ese ano, Trier (1997), La Habana (2000), Barcelona (2003), Salvador da Bahía (2006) e A Coruña, Compostela e Vigo (2009).

Nos diferentes congresos escolleuse a presidencia da asociación, pasando polo cargo Kathleen March, Antonio Carreño, Xoán González-Millán, John Rutherford, Dieter Kremer, Basilio Losada Castro, Burghard Baltrusch e Craig Patterson.

A candidatura encabezada pola xornalista Débora Campos presentara unha proposta de recuperación das ligazóns de Galiza con Arxentina

Volver a Bos Aires
A candidatura encabezada pola xornalista Débora Campos presentara unha proposta de recuperación das ligazóns de Galiza con Arxentina. No seu programa sinalan que o país americano contou ao longo do tempo con institucións senlleiras na difusión da nosa cultura. “O Centro Galego de Bos Aires, o Centro Ourensán ou o Centro Lucense souberon acoller nas súas sedes tanto seminarios e palestras, como o labor de grandes pensadores/as e es-critores/as daquela no exilio”. Despois virían o Instituto Arxentino de Cultura Galega, a Cátedra libre de Estudos Galegos Afonso Castelao, o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA), a coordinadora do ciclo de literatura galega Lectores Galegos en Bos Aires e numerosos colectivos civís.

A idea da realización dun congreso na capital de Arxentina “construirá un ámbito privilexiado en que poderán achegarse ás socias e socios da entidade tanto todos estes novos traballos desenvolvidos nas universidades, como tamén os que rexorden no seo da propia colectividade, que quere volver a participar da reflexión e do debate dos grandes temas que interesan ao presente e ao futuro da Galiza”.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios