Cultura repite convocatoria nos Premios da cultura galega para o ano 2012

Aos galardóns, sen dotación económica, poden presentarse entidades e persoas individuais. Os ámbitos da convocatoria abranguen as letras, as artes plásticas, as artes escénicas, as iniciativas a prol do patrimonio cultural, a promoción cultural de Galiza, a música e a creación audiovisual.

A consellaría de Cultura, educación e ordenación universitaria fixo pública a convocatoria dos Premios da cultura galega para o ano 2012. A presentación de candidaturas non poderá ser por parte por parte d@s propi@s candidat@s. Sen dotación económica e co agasallo dunha escultura conmemorativa realizada polo artista ourensán Xosé Cid, as modalidades da convocatoria recuncan un ano máis.

Para as letras, artes plásticas e artes escénicas valoraranse "os méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creacións de código de intercambio con outras sociedades e outros aspectos que contribúan a fortalecer e ampliar o sistema literario galego, a creación plástica galega e as artes escénicas da nosa terra –respectivamente–, e a súa imaxe pública".

Para o patrimonio cultural o xurado terá en conta "a traxectoria vinculada á protección, conservación e difusión da nosa riqueza cultural. Para iso terase en conta o labor realizado en calquera eido, propostas que se teñan feito públicas, aínda que non teñan chegado a desenvolverse".

No Premio á promoción cultural de Galiza valoraranse as candidaturas "de persoas ou entidades con traxectoria vinculada á expansión cultural da comunidade e á súa promoción fóra dela; con especial atención á súa achega para reforzar a imaxe de Galicia como comunidade de inmensa riqueza patrimonial".

A plataforma Prolingua xulgara "lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura"

Por último en música e creación audiovisual recoñecerán o labor de persoas ou entidades "que teñan contribuído a reforzar a imaxe destas artes como creadoras dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e capacidade para se integrar nos escenarios internacionais". Tamén a imaxe exterior do noso país nestes dous ámbitos da creatividade cultural.

Os premios seguen sen ser nacionais
Os premios xurdiron no ano 2008 co nome de "Premios nacionais da cultura galega". Daquela contaban cunha dotación económica e unha escultura de recoñecemento realizada por Ignacio Basallo. Coa chegada de Feijóo ao goberno da Xunta eliminouse a denominación de "nacionais" e quedou nun recoñecemento simbólico público. En 2010 o escritor Agustín Fernández Paz rexeitou o galardón en protesta por este cambio que denunciara a plataforma Prolingua nun comunicado. "Xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato", aseguraba daquela esta plataforma.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios