A Academia sae á rúa con “A volta ás Letras en cincuenta Días”

Unha exposición no xardín de San Carlos da Coruña leva á Academia Galega o próximo venres día 1 á rúa. Trátase dun proxecto promovido pola institución xunto cun grande abano de entidades culturais e que fará visíbel a súa nova imaxe.

Un corazón difumínase coma unha onda arredor do L maiúsculo, inicial de palabras como lingua, letras ou libro que é a súa vez o número romano da conmemoración do aniversario do Día das Letras. Deste xeito explica Pepe Barro, do Grupo Revisión, xestación do símbolo da Academia Galega que a entidade presidida por Xosé Luis Méndez Ferrín pon ao dispor de quen queira festexar a data. Corazón como afecto, liñas de “latexo, de vitalidade” e cor vermella “de afouteza e decisión” nunha nova imaxe que está a imprimir a Academia non só no logotipo senón tamén coa posta a andar da súa nova web ou no deseño de actos como a exposición ao ar libre que se inaugura o próximo venres 1 de xuño ás 19.30 horas no Xardín de San Carlos da Coruña.

Por vez primeira, canda a RAG, seis entidades representativas de sectores da cultura partillan do proxecto que porá á vista do público cincuenta carteis elaborados por outros tantos deseñadores coa participación de medio cento de escritores que colaboran para traer á memoria aos cincuenta escritores e escritoras homenaxeados no Día das Letras Galegas. Asociación Galega de Deseñadores, de Escritores/as en Lingua Galega, de Empresarios de Artes Gráficas, de Editores, as e Bibliotecarios e e Federación de Libreiros, entre outras, son as
entidades que, asinan o proxecto xunto coa Academia.

Con Celso Emilio en Celanova

Inicia así a RAG un fin de semana no que tamén se desenvolverá o acto de entrada na institución coa lectura do seu discurso Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI, que será respondido por Manuel González González.

O 9 de xuño a Academia saerá de novo da rúa de Tabernas para se dirixir a Celanova onde terá lugar o plenario extraordinario con motivo do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana Yanes, Francisco Fernández Rei e Salvador García-Bodaño son as persoas numerarias da Academia que interverán no plenario.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios