PABLO VAAMONDE

'Hai políticos do PP que se lucran coa sanidade pública'

Pablo Vaamonde e Jesús Rey na presentación do libro “A saúde como negocio” na libraría Couceiro de Compostela, editado por Edicións Laiovento, xunto a outras voces, denuncian a implicación do PP no aproveitamento empresarial na sanidade pública.
Jesús Rey, Francisco Pillado e Pablo Vaamonde
photo_camera Jesús Rey, Francisco Pillado e Pablo Vaamonde

No libro colectivo “A saúde como negocio” (Laiovento, 2012) varias persoas comprometidas coa sanidade pública, Mª Luísa Lores, Manuel Martín, Jesús Rey e Marciano Sánchez-Bayle, coordinadas por  Pablo Vaamonde, achegan información obxectiva, argumentos e análises para explicar como é posíbel facer outras políticas que, en vez de deteriorar e pór en risco o sistema público, procuren a súa mellora e consolidación. Pablo Vaamonde, médico de cabeceira no centro de saúde de Labañou (A Coruña),  fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña leva varios anos denunciando esta situación desde o seu blogue “Pavillón de repouso”.

 
Que achega este libro á defensa da sanidade pública?
P.V -Nós xa fixeramos varios traballos que están publicados tanto na rede como en papel. Despois da proposta de Laiovento pareceunos oportuno sacar un libro sobre este tema polos cambios que vemos. Hoxe vivimos unha contrarreforma sanitaria que vai ter repercusións serias negativas a medio e longo prazo. Mais o que se escoita nos medios oficiais é un discurso único de que hai crise, de que é obrigatorio facer recortes, que non hai outra alternativa e de que temos que resignarnos. Esta mensaxe da crise como escenario único e da resignación como única posibilidade hai xente que a acepta. Nós demostramos con datos e con estudos que o que se fai é un ataque contra o actual sistema sanitario público e que hai outras alternativas.

Como son eses ataques á sanidade pública?
J.R -Fundamentalmente os recortes orzamentarios. Despois tamén unha promoción enmascarada da sanidade privada. Nos estudos que fixemos demostramos que a atención primaria foi unha aposta decidida do anterior goberno e na actualidade non.
P.V.- Ademais dos recortes introduciuse o copagamento. Rajoy sacou hai pouco en Madrid un decreto que nos devolve aos anos 70. Convirte os cidadáns que teñen dereito á saúde en asegurados que teñen que pagar para acceder a ese dereito. Os cidadáns que non traballen, non coticen e non paguen quedan excluídos do sistema. Son os inmigrantes, a mocidade que pase dos 26 anos e xa non estarán na cartilla dos seus pais e terán que pedir prestación sanitaria como persoas sen recursos. Rexorde, de novo, a beneficencia. É unha contrarreforma que se fai mentindo posto que en campaña electoral o PP dixo tanto na Galiza como en Madrid que recortarían onde fixese falta mais sen tocar a sanidade e a educación, dous piares do estado do benestar. Modifica o sistema. Introduce o lucro, a ganancia e os intereses privados. Até agora as empresas privadas prestaban atención ao sector público de maneira complementaria. Onde o hospital público no chegaba, por exemplo, coa ciruxía facíao a privada. Agora o capital privado introdúcese mediante o mecanismo da iniciativa de financiamento público-privado e faise propietario. Entón a sanidade pública pasa a pagar un canon. Quen toma decisións agora co diñeiro, quen ten hipotecada a sanidade pública son estas unións temporais de empresas que están participadas por bancos e construtoras arruinadas. Son as que dispoñen dos orzamentos públicos para xestionar determinados aspectos da sanidade e ao mesmo tempo para repartir beneficios entre os seus accionistas.
J.R. - Todo isto coa desculpa de que aquí a crise é a culpábel cando é todo o contrario.  

'Quen toma decisións agora co diñeiro, quen ten hipotecada a sanidade pública son estas unións temporais de empresas que están participadas por bancos e construtoras arruinadas'

Cal sería esa alternativa aos recortes?
J.R. - En momentos de crise precisamente hai que fortalecer a sanidade pública Os máis desfavorecidos son os que máis a van necesitar. Ademais a longo prazo precisarán máis recursos.

Que razón ten o goberno do PP para actuar deste modo?
P.V. - Detrás hai diñeiro. O 30% do orzamento da Xunta de Galiza é para a sanidade. Agora non hai negocio inmobiliario, destruírono, polo que o capital quere obter beneficios dos orzamentos públicos. O bocado sanitario é un bocado moi apetitoso. Farán negocio na xestión da construción de hospitais e de todo o que hai ao redor como aparcadoiros, restauración, limpeza, seguridade, contrólano eles. Ademais o goberno vai estar pagando un canon.
O que me parece máis grave é que a vontade de toma de decisións queda secuestrada. Non é a sanidade pública quen toma decisións, son os propietarios que xestionan as empresas.
Hai un paso do mundo da política ao mundo empresarial grande. Hai sectores do PP que teñen intereses moi importantes neste tipo de iniciativas. Describímolas no libro, con nomes e apelidos, as persoas que pasan da política ao empresariado privado e viceversa. É unha estratexia global que promove o Fondo Monetario Internacional: acaparar parcelas de negocio privado dentro da sanidade pública. Aquí esas políticas estanas executando persoas con nomes e apelidos no que o PP está implicado

Abonda coas actuais mobilizacións para mudar esta situación?
P.V. - Ten que haber máis mobilizacións. A cidadanía terá tamén que mobilizarse e sentirse afectada por isto que están facendo porque lles afecta directamente. Ademais a medio prazo, non é algo que vai pasar de aquí a vinte anos. Falta un discurso alternativo ao único de que hai crise, hai que recortar, os pensionistas teñen que pagar,... Ese é o discurso que os laboratorios de ideas da ultradereita difunden. Teñen a maioría dos medios de comunicación para propagar a súa mensaxe e a xente acéptao. Temos que ser capaces de crear discursos alternativos, como o que propoñemos no libro, e buscar canles para que estas ideas cheguen a xente.
J.R. -Tamén corrixir pequenas deficiencias da sanidade pública. Noutros países que tomaron as mesmas decisións de recortes está demostrado que logo tiveron un aumento da mortalidade. Os países que teñen unha sanidade pública forte demostran unha maior eficacia.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios