A xustiza francesa valida a norma para frear o "separatismo islamista"

O Consello Constitucional Invalida só dous puntos da polémica lei en defensa do laicismo.
EuropaPress_3410426_02_november_2020_indonesia_jakarta_people_take_part_in_rally_outside_the
photo_camera Manifestación de novembro de 2020 en Iakarta, capital de Indonesia, contra Macron (Afriadi Hikmal / ZUMA)

O Consello Constitucional, o organismo encargado de velar en Francia polo respecto da Carta Magna na lexislación, validou o groso da polémica lei en defensa do laicismo que busca frear o que o Goberno francés cualifica de "separatismo islamista".

A consulta ao organismo xudicial foi presentada por deputados da esquerda e da dereita do arco parlamentario, ao  consideraren que a lei aprobada era "antimusulmá", para uns, e "demasiado branda", para outros, respectivamente.

O Consello Constitucional, no entanto, invalidou dúas disposicións. A primeira, referente ao endurecemento no criterio da clausura de asociacións que supostamente fagan apoloxía do radicalismo relixioso.

E a segunda, sobre a non renovación dun permiso de residencia a un estranxeiro que se opoña aos valores da República francesa (condensados na separación entre relixión e Estado, que data do ano 1905, e no lema oficial republicano: Liberdade, Igualdade e Fraternidade).

Malia caeren estas dúas disposicións do texto orixinal, o ministro do Interior, Gérald Darmanin, felicitouse en Twitter pola decisión do Consello Constitucional. Entre outras medidas, a lei limita a escolarización en casa como maneira de loitar contra o adoutrinamento e somete a un maior control financeiro as asociacións culturais e lugares de culto, exixindo ademais o compromiso de respectar a igualdade entre homes e mulleres.

Tamén loita contra os denominados certificados de virxinidade e os matrimonios forzados.

A norma, aprobada este ano nas dúas cámaras francesas, é o último intento do Goberno de Emmanuel Macron para controlar o que considera deriva extremista da relixión musulmá, vista como xerme dos ataques terroristas sufridos no país.

O presidente recibiu fortes críticas por parte da comunidade musulmá. E tamén se viu presionado polo Exército: en maio pasado, un grupo de militares advertiu dunha "guerra civil" se o país continuaba a se "esborrallar", ademais de criticar as "concesións" ao islamismo.

"Intervención excesiva"

Porén, para o sociólogo francés Vincent Geisser, a lei chega dun diagnóstico sociolóxico con base en datos estatísticos febles e "fará legal a intervención excesiva do  Estado francés nos asuntos dos musulmáns". 

"É coma se houbese unha permanente amnesia francesa. Esquécese que os musulmáns traballaron duro na loita contra o terrorismo e o extremismo, mesmo contribuíron máis que algúns franceses", sinalou nunha entrevista na axencia turca Anadolu.

Comentarios