Von der Leyen será a candidata do Partido Popular Europeo para outro mandato á fronte da Comisión Europea

A actual presidenta da Comisión Europea confirmou a súa intención de seguir á fronte do Executivo europeo durante cinco anos máis.

Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).
photo_camera Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).

Após semanas de especulacións sobre o seu futuro político, que tamén se situou como posíbel secretaria xeral da OTAN, a actual presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou a súa candidatura á reelección como presidenta do Executivo europeo durante o vindieros cinco anos:

O anuncio fíxose esta segunda feira após unha reunión do seu partido, a Unión Demócrata Cristiá (CDU) de Alemaña, que apoiou a súa candidatura por unanimidade. "O mundo é totalmente diferente ao de hai cinco anos", afirmou Von der Leyen.

O nomeamento de Von der Leyen será confirmado por aclamación a principios de marzo, durante o congreso anual da súa familia política, o Partido Popular Europeo (PPE), de centro-dereita. O PPE fixara o 21 de febreiro como data límite para a presentación de candidaturas internas.

Ao presentar oficialmente a súa candidatura, Von der Leyen convértese inmediatamente na favorita, xa que se espera que o PPE obteña o maior número de escanos nas próximas eleccións ao Parlamento Europeo en xuño.

Son os dirixentes da UE os que, ao ter en conta os resultados das eleccións europeas, terán o poder de nomear ao presidente -ou á presidenta- da Comisión, o que significa que o partido máis votado terá o privilexio "de controlar o Executivo".

Os traballos demoscópicos publicados nos últimos meses auguran que nas eleccións ao Parlamento da UE que decorrerán entre o 6 e 9 e xuño o PPE manterá a súa condición de primeira forza, cunha suba dos dous grupos parlamentarios nos que se concentra a extrema dereita, o dos Conservadores e Reformistas Europeos e Identidade e Democracia.

Pendente das negociacións

Así e todo, incluso neste escenario a permanencia de von der Leyen dependería das negociacións para o repartimento dos cargos do novo Executivo, que deben ser aprobados polos 27 Estados membros.

Ao seu favor xoga o apoio de mandatarios doutras formacións, como o español Pedro Sánchez (PSOE), ou a boa relación de traballo con Giorgia Meloni, a ultradereitista que lidera Italia.

Comentarios