A Xunta Eleitoral confirma a inelixibilidade de Otegi e aboca Bildu a ir á vía do contencioso

O roteiro está a se desenvolver segundo o previsto: a Xunta Eleitoral de Gipuzkoa rexeitou as alegacións formuladas por EH Bildu e confirmou a inelixibilidade do líder da esquerda aberzale. A vía agora é o contencioso administrativo. De fallar tamén en contra, Bildu tería de ir ao Constitucional.

Otegi
photo_camera Otegi, nun acto de EH Bildu

A Xunta Eleitoral de Gipuzkoa non tomou en consideración as alegacións formuladas polo avogado de EH Bildo, Íñigo Iruin, e confirmou a súa decisión inicial de declarar inelixíbel Arnaldo Otegi en aplicación estrita da sentenza ditada no seu día pola Audiencia Nacional.

A inelixibilidade que pesa sobre Otegi, de acordo coa xunta eleitoral, tería a ver coa pena accesoria de privación do dereito ao sufraxio pasivo imposta pola Audiencia Nacional ao político de Elgoibar. Destacados xuristas avalan o criteiro de Iruin ao sinalar que, ao ser accesoria á principal, aquela deixaría de ter feitos ao caducar esta, isto é, no momento, marzo deste ano, en que Otegi abandonou a prisión.

EH Bildu está convencida de que estamos perante un xuízo político que ten como único obxectivo impedir que a esquerda abertzale concorra nas mellores condicións posíbeis ao 25S (lembremos que as eleccións vascas e as galegas se van realizar no mesmo día).

EH Bildu está convencida de que estamos perante un xuízo político

A vía que se lle abre agora a EH Bildu é o recurso á vía contencioso administrativa. O asunto ten que se tramitar con celeridade ao afectar dereitos fundamentais, a participación nun proceso eleitoral, e o tribunal debería pronunciarse entre a sexta feira e o sábado. Caso desta vía ser tamén desfavorábel a Otegi, a única opción sería apresentar un recurso de amparo ao Tribunal Constitucional que tería de prazo para se pronunciar até o mesmo momento do comezo da campaña, as 0 horas da sexta feira 9 de setembro.

Mentres isto acontece nos xulgados, na area política medra o clamor social a prol dos dereitos políticos de Otegi e a campaña internética Basque Civil Rights leva xa máis de 15 mil sinaturas. 

comentarios