EH Bildu recusa un xuíz da xunta eleitoral por parcialidade

Otegi, tranquilo: “Asístenos a razón xurídica”

O líder da esquerda abertzale compareceu esta sexta feira en conferencia de imprensa na compaña dos seus avogados. EH Bildu recusou un membro da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa por dar por suposta, nunhas declaracións, a inhabilitación de Otegi, cando aínda estaba aberto o prazo de alegacións.

Otegi e os seus avogados
photo_camera Otegi e os seus avogados. 26-8-2016

O argumentario da defensa de Otegi é que a pena que invoca a Xunta Eleitoral de Gipuzkoa para o considerar inelixíbel -a privación do dereito de sufraxio pasivo, isto é, o dereito a ser candidato nun proceso eleitoral- era unha pena accesoria e caducaba cando caducaba a principal, isto é, a privación da liberdade. Portanto, teríanse cumprido ambas no momento, marzo deste ano, en que Otegi abandonou a prisión.

A este respeito, Íñigo Iruin, avogado de Otegi, afirma que hai suficiente xurisprudencia quer do Tribunal Constitucional quer do Tribunal Supremo para acreditar que a “inhabilitación” e a “prisión” duran o mesmo tempo, isto é, que non se pode prolongar a inelixibilidade unha vez cumprida a pena de privación de liberdade.

A outra pena á que foi condenado Otegi pola Audiencia Nacional -a inhabilitación por espazo de 10 anos para exercer cargo público- nen sequer aparece no fallo da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa, talvez consciente de que non lle é de aplicación ao líder da esquerda abertzale sendo que a sentenza do tribunal central non especifica para que cargos públicos concretos estaría inhabilitado o político de Elgoibar. O Código Penal estabelece taxativamente que a inhabilitación non ten efeitos se non se precisa os cargos para os que rexe.

A outra pena á que foi condenado Otegi pola Audiencia Nacional -a inhabilitación por espazo de 10 anos para exercer cargo público- nen sequer aparece no fallo da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa

Otegi quixo transmitir optimismo na súa comparecencia e afirmou que “nos asiste a razón xurídica”, mentres que Iruin, imbuido de realismo, concedeu: “Non fai falta que diga que isto non se vai resolver en termos xurídicos”.

A batalla procesal vai ser, aliás, moi intensa. EH BIldu tomou a decisión de recusar o membro da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa Iñaki Agirreazkuenga, un catedrático que, en pleno proceso de apresentación de alegacións das partes, deu por sentado que as distintas instancias ás que se pode apresentar recurso -a propia xunta, o xulgado do contencioso, o Constitucional- certificarán a inhabilitación de Otegi.

EH Bildu ve nestas declaracións unha clara parcialidade deste membro da xunta eleitoral contra o líder da esquerda abertzale.

Comentarios