O xuíz que investiga Tsunami Democràtic involucra a OTAN intentando imputar Puigdemont e Rovira

O Supremo non decidiu se acepta a causa.
Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)

Manuel García-Castellón, o maxistrado da Audiencia Nacional española vinculado ao Partido Popular (PP) que imputou por terrorismo o ex presidente catalán, Carles Puigdemont (Junts), a secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira e dez persoas máis polas protestas de Tsunami Democràtic no aeroporto Josep Tarradellas Barcelona-El Prat en 2019, reclamou esta segunda feira a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) que reporte “calquera incidencia que se puidera rexistrar no tráfico aéreo” relacionada coas mobilizacións en resposta á sentenza de prisión contra os líderes do proceso independentista catalán que non foron ao exilio.

A mesma petición efectuou o xuíz á Axencia da Unión Europea (UE) para a Seguridade Aérea e á estatal Enaire, mentres que en paralelo instou Francia a buscar a familia do cidadán francés que morreu dun infarto no aeroporto para ofrecerlle integrarse na causa, unha posibilidade que a súa filla xa rexeitou a fin de semana.

Todo isto acontece antes de que o Tribunal Supremo determine se acepta o caso, algo que García-Castellón demandou para poder formalizar a imputación de Puigdemont, deputado no Parlamento da UE, e Ruben Wagensberg, representante de ERC no lexislativo catalán, uns cargos que obrigan a que sexa o Supremo quen leve a cabo as investigacións ao respecto do procedemento xudicial.

A petición foi apelada pola Fiscalía, que tamén recorrera con anterioridade as imputacións por terrorismo, nun proceso que aínda non ficou resolto.

O xuíz decidiu imputar Puigdemont e Rovira cando era inminente a sinatura dun acordo de investidura entre Junts e o PSOE que incluiría unha lei de amnistía ás persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado que beneficiaría ás perseguidas por medio do lawfare, o uso do sistema xudicial para arremeter contra opoñentes políticos.

Para tratar de evitar a súa inclusión na amnistía, García-Castellón intentou relacionar a morte do cidadán francés coas protestas, o que xa descartara un xulgado de l’Hospitalet de Llobregat logo dos feitos. Nese sentido, ordenou a Garda Civil novas actuacións para tratar de demostrar o nexo entre as protestas e o deceso.

Querela de Podemos

O propio maxistrado foi denunciado esta segunda feira por Podemos por presunta prevaricación, revelación de secretos e omisión na persecución de condutas delitivas, ao pretender imputar o ex líder da formación, Pablo Iglesias, pola suposta destrución dunha tarxeta de memoria dunha asesora.

Comentarios