Confirman oficialmente que Xoán Carlos I fuxiu aos Emiratos Árabes Unidos

Confirmouno a casa real española dúas semanas despois da marcha do rei emérito.
Xoan Carlos I nunha imaxe de arquivo nunha regata en Sanxenxo (oto: (Lalo L Villar / Europa Press)
photo_camera Xoan Carlos I nunha imaxe de arquivo nunha regata en Sanxenxo (Foto: (Lalo L Villar / Europa Press)

Xoán Carlos I chegou o pasado 3 de agosto a Emiratos Árabes Unidos e permanece alí desde entón, segundo informou a Casa Real. Nun conciso comunicado, Zarzuela sinala que "o rei don Xoán Carlos indicou á Casa da súa Maxestade o Rei que comunique que o pasado día 3 do presente mes de agosto trasladouse a Emiratos Árabes Unidos, onde permanece na actualidade".

O paradoiro do anterior xefe do Estado non era coñecido desde que o3 de agosto Zarzuela emitise outro comunicado no que trasladaba a decisión de rei emérito de abandonar España e fixar a súa residencia noutro país. Unha decisión que dicía adoptar ante a repercusión pública de "certos acontecementos pasados" da súa vida privada e para protexer o seu fillo.

Desde que se emitiu este comunicado especulouse con varios destinos posíbeis como Portugal ou a República Dominicana. Agora ben, días máis tarde publicouse unha foto que o situaba no aeroporto de Abu Dabi, a capital dos Emiratos Árabes Unidos, que é onde finalmente trasladou a súa residencia o emérito.

O presidente do goberno español, Pedro Sánchez, preguntado reiteradamente sobre a cuestión, rexeitara informar do destino do ex monarca e dixo a semana pasada que comunicalo correspondía á Casa Real ou ao "propio afectado", que son quen finalmente o confirmaron despois de quince días de silencio.

Tanto a Fiscalía suíza como a do Tribunal Supremo español investigan ao rei emérito por presuntos negocios irregulares. Concretamente, por recibir supostamente comisións pola construción do AVE á Meca, en Arabia Saudita.

Comentarios