xoves 24/09/20

A fuga do emérito ispe os Borbóns

 O anuncio do rei emérito de abandonar o Estado español pon o foco na presión xudicial e nas adversidades que a Casa Real observa non só arredor das pescudas que leva a cabo o Tribunal Supremo sobre as finanzas de Xoán Carlos I, senón tamén ao redor do futuro da monarquía como institución. Analizamos desde a Galiza a decisión do ex monarca de fuxir cara o exterior.
Un operario retira o retrato do rei emérito do Parlamento de  Nafarroa (Eduardo Sanz/Europa Press).
Un operario retira o retrato do rei emérito do Parlamento de Nafarroa (Eduardo Sanz/Europa Press).

Dous meses despois de que a Fiscalía do Tribunal Supremo asumise a investigación para determinar se Xoán Carlos I cometeu branqueo de capitais e delito fiscal após a súa abdicación en 2014, o rei emérito anunciou a súa marcha do Estado español para tratar de salvar a monarquía dos seus escándalos financeiros, apertado pola xustiza.

"Dentro do que se agarda dunha monarquía, parece a decisión máis lóxica", indica Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. "A continuidade da institución é máis importante que cada un dos seus membros, polo tanto, estamos ante un intento desesperado de salvar a monarquía sacrificando unha peza, neste caso, o rei emérito", engade, ante a incerteza de se este xesto será suficiente para garantir esa continuidade arelada.

Para Núñez Seixas, a decisión do ex monarca sinala a adversidade con que debe observar as dilixencias xudiciais das que é obxecto ademais do valor simbólico que encerra. "Cada dúas ou tres xeracións, nos últimos dous séculos, sempre hai un Borbón que vai ao exilio. Foi Sabela II, foi Afonso XIII e agora, non por circunstancias exactamente iguais, porque non se lle derroca, marcha por corrupto Xoán Carlos I". Unha evidencia máis, apunta o historiador, da inestabilidade crónica da dinastía borbónica.

A desmitificación do ex rei

Xosé Manoel Núñez Seixas defende que a decisión de Xoán Carlos I de abandonar o Estado español acaba de desmitificar a súa imaxe "como piloto do cambio e home mesurado que contribuíu a traer a democracia aos españois". Isto, di, vai axudar a poñer o ex rei máis no seu lugar, "primeiro como o típico membro da dinastía dos Borbóns, basicamente un vividor, e segundo, como un monarca que, ben asesorado, se decatou de que para garantir o futuro da monarquía debería ir polo único camiño que entón, en 1975-1976, era posíbel, o da monarquía constitucional".

Se naquela altura permitiu que a monarquía gobernase cun sistema máis ou menos democrático, "mellorábel", di o historiador, "foi para asegurar a permanencia da institución que representaba", un interese superior que volveu pór de manifesto o 23F e que Núñez Seixas resume nunha frase que aquela noite dirixiu ao seu fillo Filipe. "Cando o cativo lle pregunta que pasa, el dille: 'nada, que lle dei unha patada á Coroa e agora a Coroa está no aire'. Polo tanto, o que estaba facendo naquel momento era salvar a Coroa". 

Asegura o catedrático de Historia Contemporánea da USC que a valoración que faga a Historia da figura de Xoán Carlos I vai ser ambivalente. Dunha banda terá en conta a intelixencia de quen se deixou asesorar para protexer a supervivencia da monarquía e doutra, a distancia de quen chegou a pensar que estaba por riba de todo, protexido polos medios e polo erario público, confiado en que iso ía durar eternamente. Mais non foi así.

Fuxida sen autocrítica

Desde a plataforma Galiza pola República, Manuel Monge censura a falta de autocrítica que tanto o rei emérito como a Casa Real exhiben no comunicado que anuncia a "fuxida" de Xoán Carlos I cara o exterior, ademais da conivencia e da compracencia do Goberno do Estado. "É vergonzoso que defendan a exemplaridade e transparencia de Filipe VI, cando desde hai máis dun ano na Casa Real saben e agocharon que o rei emérito tiña contas ocultas na banca estranxeira". 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 5, nos quiosques ou na nube]

comentarios