Os xihadistas ultiman un Goberno en Damasco e membros da UE frean as concesións de asilo a refuxiados sirios
A República Árabe Siria xa non existe logo da caída do Goberno de Bashar al Assad o domingo, e a súa bandeira xa estaba a ser substituída paulatinamente a segunda feira en múltiples localidades sirias pola utilizada polos grupos opositores, liderados pola xihadista Organización de Liberación do Levante (HTS), considerada terrorista pola Organización das Nacións Unidas (ONU), así como polos países occidentais.
En paralelo, a guerra en Siria non cesa, cos combates centrados no norte. A axencia turca Anadolu sinalou que Manjib foi tomada logo de varios días de combates polo Exército Nacional Sirio (SNA), apoiado como a HTS por Turquía, que tería expulsado as pro kurdas Forzas Democráticas Sirias (SDF) da área, algo que unha fonte de seguridade turca ratificou á axencia Reuters mais que medios especializados cuestionan.
Os drones turcos apoiaron a ofensiva e mataron doce persoas, a metade crianzas, nun ataque contra unha vivenda en Ain Insa, detallaron as SDF, que non confirmaron a perda da localidade de Manjib, da que comunicaran que “células mercenarias se infiltraran na cidade”, derivando en “intensos enfrontamentos”.
O SNA indicou que o seu seguinte obxectivo é Raqqa, unha das cidades máis importantes do nordés sirio, a área controlada polas SDF –aliadas cos Estados Unidos, que contan con múltiples bases militares na zona–, cuxo compoñente principal son as Unidades de Protección Popular (YPG), que Turquía considera terroristas acusándoas de vínculos co Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK).
Baixo este pretexto Ancara desenvolveu varias ofensivas militares no Kurdistán sirio, no que tamén instalou as súas bases militares, e busca como mínimo expulsar as SDF á outra beira do río Éufrates, o que suporía perder a inmensa maioría do territorio baixo o seu control.
Precisamente no curso do río, reportes citados pola qatarí Al Jazeera acusan as SDF de matar tres civís ao dispersar unha manifestación en Deir Ezzor, na que se reclamaba a marcha da organización, e o Mando Militar de Operacións, que agrupa varios grupos armados liderados polos xihadistas, anunciara 24 horas antes que entrara na cidade.
Nas súas proximidades medios especializados confirmaron o rápido rexurdir do Estado Islámico, derrotado no país polas tropas sirias, co apoio ruso, e as SDF, que xa se fixo como pouco co control de dúas localidades.
Tensa calma no resto do territorio sirio
No resto de Siria aínda non se reportaron combates entre os múltiples grupos que conformaban a oposición a al Assad, entre os principais, ademais de HTS e SNA, tamén está o Exército Libre Sirio (FSA) -desertores do Exército sirio e mercenarios-, cuxos desertores formaron o SNA.
A área de operación nos últimos anos do FSA era al Tanf, na fronteira co Iraq, formando parte da ocupación estadounidense dos lindes, nos que tamén teñen unha base militar. Estes grupos están divididos en múltiples faccións.
En todo caso, son os xihadistas os que teñen baixo o seu dominio boa parte do territorio, os que asumiron o control do antigo cuartel xeral do Exército sirio e encargaron a Mohammed al Bashir, líder do Goberno que mantiñan na zona que controlaban antes da ofensiva de hai dúas semanas, na rexión siria de Idlib, na fronteira turca, formar un novo Executivo para as áreas de Siria non controladas polas forzas kurdas.
Pola súa parte, o último primeiro ministro designado por al Assad, Mohammed Ghazi al Jalali, informou de que a maioría do Gabinete aínda estaba a traballar en Damasco para garantir unha transición “rápida e sen problemas”.
Os grupos opositores anunciaron unha amnistía a integrantes das Forzas Armadas sirias, e a HTS insistiu en que respectarán as liberdades individuais e non imporán o velo ou outra clase de roupas ás mulleres, unha promesa semellante á que fixeran os talibán, outro grupo xihadista, ao volver en 2021 ao poder en Afganistán, e que non tardaron en reverter.
Como os talibán, tamén os Estados Unidos e a Unión Europea (UE) celebraron a marcha de al Assad, asilado en Rusia, da mesma maneira que Hamás, que a diferenza da libanesa Hezbolá apoiou a oposición siria, armada polos Estados Unidos, o Reino Unido, Francia, Israel, Turquía, Arabia Saudita ou Qatar.
Sexa como for, “xa está a xurdir preocupación sobre o que vén despois”, entre a “perspectiva dun novo caos, violencia e fragmentación”, subliñou Julien Barnes-Dacey, do Consello Europeo de Relacións Exteriores.
Isto non evitou que múltiples Estados da UE como Alemaña, Francia, Suecia ou Austria se aprestaran a suspender a concesión de solicitudes de asilo a persoas de Siria, un país devastado non só pola guerra senón tamén polas sancións masivas de Washington das últimas décadas.
Ao tempo, centos de persoas sirias en Turquía desprazáronse á fronteira para volver ao país, mais foron freadas pola exixencia de Ancara de que asinen un compromiso polo que de regresar a Siria xa non poderán retornar a territorio turco, e o xornal Le Monde constatou tamén a marcha cara ao exilio de sirias e sirios após tomar o control os xihadistas.
Occidente avalía deixar de considerar terrorista a HTS
Tras facerse co poder os xihadistas en boa parte de Siria, o xornal The Washington Post anunciou que os Estados Unidos non descartan deixar de considerar a HTS como terrorista, e Londres trasladou que decidirá “rapidamente” se eliminala da lista de organizacións terroristas, algo que deixou entrever tamén Berlín, aducindo que “intentou” marcar distancia “das súas orixes xihadistas”.
Pola súa parte, o réxime israelí mantivo a súa campaña de bombardeos contra Siria, sostendo que ten como obxectivo instalacións militares logo de invadir territorio sirio máis alá das áreas que ocupaba nos Altos do Golán hai máis de 55 anos, no marco do anuncio de que rompía o acordo con Siria de 1974. Tamén Washington realizou bombardeos aseverando que eran contra Estado Islámico.
Á vez, Rusia está en contacto cos grupos principais que tomaron o poder para avaliar o futuro das dúas bases militares coas que conta na costa siria, e o outro antigo aliado do Goberno de al Assad, Irán, tamén abriu “canais directos” para “evitar unha traxectoria hostil entre os dous países”.
Amais, o titular de Exteriores, Abbas Araqchi, cuestionou a “incapacidade do Exército sirio”, criticando al Assad por non dialogar coa oposición cando tiña a posición dominante.