Acusan a China de posíbeis violacións aos dereitos humanos en Xinjiang

Beijing cualifica de "mentiras antichinesas" o informe sobre a situación en Xinjiang publicado por Michelle Bachelet minutos antes de deixar o seu cargo na ONU.
Michelle Bachelet.  (Foto: Calos García Granthon / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Michelle Bachelet. (Foto: Calos García Granthon / Zuma Press / Contactophoto)

A Alta comisionada da Organización das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, presentou pouco antes da medianoite da cuarta á quinta feira o informe sobre as supostas violacións que tería cometido a China contra a etnia uigur, maioritaria na rexión autónoma de Xinjiang, apenas minutos antes de abandonar o cargo, tras anunciar previamente que renunciaba a exercer nun novo mandato.

No informe definen as políticas utilizadas polas autoridades en contra do terrorismo xihadista na zona como “profundamente problemáticas” por conter “conceptos vagos, amplos e abertos que deixan unha gran discreción aos funcionarios para interpretar e aplicar amplos poderes de investigación, prevención e coerción”.

Nesta situación, as “garantías limitadas e escasa supervisión independente” terían provocado “restricións severas  e indebidas a unha ampla gama de dereitos humanos”, afectando principalmente os uigures e outras comunidades maioritariamente musulmás.

Tamén incide en que “os plans de traballo e emprego con supostos fins de mitigación da pobreza e da prevención do extremismo” poden chegar a implicar “elementos de coacción e discriminación”, sinalando a obriga de aplicar políticas de planificación familiar e control da natalidade, e pedindo á China que revise este tratamento e tome medidas correctoras.

Pola súa banda, a Misión permanente da China na oficina da ONU en Xenebra (Suíza) sostivo que o informe ignora os logros en dereitos humanos na rexión a pesar dos “devastadores danos causados polo terrorismo”.

Paralelamente, subliña que o documento “distorsiona as leis e políticas da China, difama e calumnia de forma gratuíta”, baseándose na “desinformación e nas mentiras fabricadas por forzas antichinesas”, e socavando “a credibilidade do Alto comisionado”.

Amais, a China pon en dúbida o acoso á poboación uigur, cando os censos do país revelan o seu aumento progresivo.

Tensión en Taiwán

O Exército taiwanés afirmou onte que derrubaron un suposto dron chinés sobre as augas do illote Shiyu, perto de Kinmen. De resultar ser chinés, sería o primeiro abatido polas forzas da illa, considerada por Beijing como unha rexión autónoma, após disparar esta semana contra aparellos semellantes.

Zhao Lijian, voceiro de Asuntos Exteriores de Beijing, apuntou que “o acto de Taiwán de aumentar as tensións non significa nada”.

Comentarios