Xi Jinping afirma que a relación entre a China e os EUA "determinará o futuro da humanidade"

Senadores estadounidenses reuníronse co presidente do Estado asiático.
Xi Jinping, presidente chinés (Foto: Kremlin / DPA).
photo_camera Xi Jinping, presidente chinés (Foto: Kremlin / DPA).

O presidente chinés, Xi Jinping, reuniuse esta segunda feira en Beijing cunha delegación de membros do Congreso dos Estados Unidos de América (EUA), sendo a primeira visita deste tipo en catro anos, informou Xinhua.

"A maneira en que a China e os EUA se leven entre si fronte a un mundo de cambios e axitación determinará o futuro e o destino da humanidade", aseverou o mandatario, citado por AFP, durante a reunión coa misión encabezada polo líder do Partido demócrata no Senado estadounidense, Chuck Schumer.

Previamente, a delegación de Washington congregouse co ministro chinés de Exteriores, Wang Yi, que expresou o seu desexo de que "esta visita poida axudar á parte estadounidense a comprender a China con maior precisión, ver a China de forma máis obxectiva e xestionar as diferenzas existentes de maneira máis racional", precisou ao respecto desta reunión Bloomberg.

Pola súa parte, Schumer reprochou a Wang que a China "debe proporcionar igualdade de condicións para as empresas e os traballadores estadounidenses". "A maioría dos estadounidenses, incluída a nosa delegación, non cren que teñamos esa xustiza agora", agregou o demócrata, que, a pesar destes comentarios, amosouse agradecido á delegación chinesa pola súa hospitalidade durante a visita.

Posíbel reunión entre Xi e Biden en novembro

O contacto entre os senadores estadounidenses e o Goberno chinés produciuse despois de que o presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, sinalara a pasada sexta feira que existía a "posibilidade" de programar unha reunión con Xi Jinping en San Francisco durante o mes de novembro. 

Comentarios