Xi e Biden pactan reactivar a comunicación mutua e chamarse "directamente" cando sexa preciso

Taiwán, as sancións e o fentanilo, no centro do debate.
Reunión en Xi Jinping e Joe Biden na madrugada de hoxe. (Foto: White House / ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera Reunión de Xi Jinping e Joe Biden na madrugada de hoxe. (Foto: White House / ZUMA Press Wire / dpa)

A reunión que mantiveron na madrugada de hoxe o presidente chinés, Xi Jinping, e o estadounidense, Joe Biden, nos Estados Unidos, propiciou unha lixeira desconxelación das relacións bilaterais, o que permitirá “manter as liñas de comunicación abertas” para que “cada un de nós poida coller o teléfono” e “chamar directamente”, explicou Biden, o que constituía un dos principais obxectivos de Beijing e Washington no encontro.

Tamén se acordou reactivar a comunicación entre as Forzas Armadas dos Estados Unidos e o Exército Popular de Liberación chinés, rachada despois do comezo en 2022 das visitas de altos funcionarios estadounidenses a Taiwán, que para a China é unha rexión do país.

Taiwán

Sobre a situación da illa, armada por Washington a pesar de que Biden ratificou a súa política de non recoñecer Taipei como Estado, Xi reclamou “accións reais” neste sentido, incidindo en que é “inevitábel” a reunificación, mentres que Biden defendeu os envíos de armas a Taiwán para disuadir un ataque chinés.

Ao tempo, abordáronse as sancións e restricións ás empresas de tecnoloxía chinesas, que Xi criticou como un intento de “conter o desenvolvemento de alta calidade da China”, que, en todo caso, “non será detido por forzas estranxeiras”. Pola súa parte, Biden pediu a Xi que prema Irán para que a agresión israelí contra Palestina non se converta nunha guerra rexional.

Fentanilo

Biden asegurou que acordaron que a China controlaría a exportación de químicos para a produción de fentanilo, un produto chave na epidemia de opiáceos impulsada polas empresas estadounidenses, o que Beijing reduciu á creación dun “grupo de traballo” nesta área.

Comentarios