A visita de Pelosi a Taiwan aviva o conflito con Beijing: "A reunificación da China é inevitábel"

"Quen xogan con lume non acabarán ben, e os que ofendan á China deberán ser castigados", dixo o ministro de Exteriores chinés, Wang Yi.
A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, recibiu esta cuarta feira unha alta distinción do Executivo taiwanés por parte da súa presidenta, Tsai Ing-wen. (Goberno de Taiwan)
photo_camera A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, recibiu esta cuarta feira unha alta distinción do Executivo taiwanés por parte da súa presidenta, Tsai Ing-wen. (Goberno de Taiwan)

A visita de Nancy Pelosi a Taiwan segue a avivar as tensións entre os EUA e a China. A presidenta da Cámara de Representantes estadounidense aterrou esta terza feira na capital, Taipéi, na que foi a primeira visita dun alto cargo da Casa Branca á illa desde 1997.

Pelosi optou deste modo por facer caso omiso das advertencias do Goberno chinés, que asegurou que respondería con "medidas contundentes" no caso de producirse finalmente a visita.

"A nosa visita reitera que os Estados Unidos están con Taiwan, unha democracia robusta e vibrante e un importante socio no Indo-Pacífico.", dixo a presidenta da Cámara após pisar solo taiwanés.

Esta cuarta feira o ministro de Exteriores da China, Wang Yi, volveu afear a despregadura diplomática estadounidense na illa: "Quen xogan con lume non acabarán ben, e os que ofendan á China deberán ser castigados".

Na mesma liña, Wang acusou os EUA de "violar a soberanía da China baixo o disfrace da democracia" e instou Washington a "non soñar con obstruír a reunificación do país".

"A completa reunificación da China é a tendencia dos tempos e algo inevitábel na historia. Non cederemos espazo ás forzas a prol da independencia de Taiwan e a interferencia externa", apuntou, subliñando que "Taiwan é parte da China".

"A visita de Pelosi foi perigosa e estúpida", dixo o ministro chinés Wang Yi

Aliás, o ministro cualificou de "perigosa e estúpida", así como "farsa", a visita de Pelosi. "O principio de 'Unha soa China' tornou na norma básica que rexe as relacións internacionais e nunha parte integral da orde internacional após a Segunda Guerra Mundial".

En consecuencia, Wang Yi pediu ao Goberno de Joe Biden que "deixe de xogar a carta de Taiwan para alterar a rexión Asia-Pacífico" e "cese inmediatamente na violación dos propósitos e principios da Carta das Nacións Unidas".

Comentarios