Washington considera Kíiv responsábel do ataque a Putin

Os EUA, "incómodos" coa operación con drons para asasinar a Vladimir Putin que atribúe a Ucraína.
Vladimir Putin. (Foto: Europa Press / Contacto / Mikhail Klimentyev / Kremlin)
photo_camera Vladimir Putin esta semana. (Foto: Mikhail Klimentyev / Kremlin)

Os medios estadounidenses difundiron na madrugada da cuarta á quinta feira que as axencias de Intelixencia do país apuntan cara a Ucraína como a autora do intento de ataque de dous drons a comezos de maio contra o presidente ruso, Vladimir Putin, e que foron interceptados na contorna do Kremlin.

Sen debullar até que punto o Executivo de Volodimir Zelenski deu as ordes, tamén responsabilizaron Kíiv do asasinato da xornalista rusa Daria Duguina e do comunicador Vladlen Tatarsky con sendas bombas, e mais das incursións esta semana en Belgorod, unha rexión rusa fronteiriza con Ucraína.

Asemade, funcionarios de Intelixencia que reclamaron o anonimato afirmaron que estas accións “incomodaron” os Estados Unidos, que entregaron máis de 40.000 millóns de euros en armamento a Ucraína, ademais de formación e asistencia militar en tempo real, xerando preocupación no Goberno de Joe Biden pola posibilidade de que Moscova culpe Washington e escale a guerra en Ucraína.

Sexa como for, Kíiv continúa negando a súa participación nestes ataques e atribuíu as incursións en Belgorod a dous grupos armados rusos de extrema dereita contrarios a Putin con base en Ucraína.

Neste sentido, o Servizo Federal de Seguridade ruso trasladou que detivo un comando ucraíno que preparaba un ataque contra 30 liñas de alta tensión das centrais nucleares de Leningrado e Kaliningrado, e que tería entrado en Rusia desde Belarús procedente de Polonia.

Pola súa parte, o presidente de Belarús, Alexander Lukashenko, confirmou que comezou a transferencia de armas nucleares tácticas das Forzas Armadas rusas a Minsk, pouco despois da sinatura do documento que recolle o almacenamento das oxivas atómicas, unha medida anunciada por Putin en marzo e que considerou unha resposta ás armas nucleares estadounidenses despregadas en varios países europeos.

No que atinxe ao atentado contra os gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña, Moscova convocou os embaixadores de Alemaña, Dinamarca e Suecia para reclamarlles explicacións pola falta de resultados das súas investigacións, que para Rusia encobren a participación de membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte, a alianza militar encabezada polos Estados Unidos.

Ao tempo, Mao Ning, voceira do Ministerio de Relacións Exteriores da China, explicou a guerra en Ucraína nas “grandes contradicións” da xestión do marco de seguridade en Europa, solicitando unha “reflexión profunda” e subliñando que a guerra era evitábel.

Comentarios