A ameaza nuclear paira sobre Ucraína

A mediados de febreiro Rusia xa realizara manobras en Belarús coas "forzas de disuasión estratéxicas" que Putin vén de pór en alerta e entre as que se inclúen as persoas responsábeis do control habitual de armas nucleares. Esta segunda feira está previsto un encontro bilateral Rusia-Ucraína para iniciar negociacións.
Un helicóptero ruso en Armyansk (Crimea), a pasada sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Un helicóptero ruso en Armyansk (Crimea), a pasada sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

O presidente da Federación Rusa, Vladímir Putin, ordenou este domingo pór nun "réxime especial de servizo" as "forzas de disuasión estratéxicas" do país en resposta, dixo, aos "agresivos comentarios formulados por líderes da OTAN".

Estes operativos están especializados no lanzamento de misís balísticos e de cruceiro de grande alcance, e responsábeis do control habitual de armas nucleares e convencionais.

"Ordeno ao ministro de Defensa e o Xefe do Estado Maior poren as armas de disuasión do Exército ruso en modo especial de servizo de combate", apuntou Putin, nun comunicado retransmitido por televisión.

Cómpre lembrar que Rusia realizou a mediados de febreiro, antes de principiar a invasión de Ucraína, senllos exercicios estratéxicos destas forzas de disuasión en Belarús, nunhas manobras dirixidas polo propio Putin nas que se lanzaron misís de cruceiro e balísticos.

"Os países occidentais non só son hostís ao noso país no eido económico, e con isto refírome ás sancións ilexítimas, senón que altos funcionarios dos principais países da OTAN tamén se permiten declaracións agresivas contra o noso país", xustificou o líder ruso.

O mundo, "alarmado" ante o anuncio de Putin

Esta declaración de Putin provocou a resposta da embaixadora dos EUA ante a ONU, Linda Thomas-Greenfield: "O presidente [de Rusia] segue a intensificar esta guerra dunha forma que é totalmente inaceptábel. Temos que seguir detendo as súas accións da maneira máis contundente posíbel", dixo.

Tamén o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, asegurou sentirse "alarmado" polo anuncio ruso, que, ao seu entender, "demostra o grave que é este cara a cara". Porén, na súa intervención limitouse a falar de "armas de disuasión" e evitou facer mención a calquera tipo de ameaza nuclear.

"Putin recorreu á chantaxe nuclear e o mundo debe tomarse moi en serio esta ameaza", engadiu o embaixador de Ucraína ante a ONU, Sergii Kislitsia.

Negociacións Rusia-Ucraína

Esta segunda feira están citados na fronteira entre Ucraína e Belarús diplomáticos ucraínos e rusos —encabezados polo ex ministro de Cultura Vladímir Mendinski— para entablaren as primeiras negociacións formais após a entrada das tropas de Putin no país veciño.

O Goberno ucraíno afirma chegar a este encontro bilateral "sen condicións previas" e, aliás, advirte dun posíbel ataque ruso desde a fronteira, precisamente, con Belarús. Con todo, o presidente, Volodimir Zelenski, "non" cre no "resultado" desta reunión.

Comentarios