SEMINARIO NA USC

Ignacio Ramonet: "Ucraína pode ser o prólogo do grande enfrontamento entre Estados Unidos e China"

"Cando un imperio dominante debe preocuparse en esmagar a un imperio emerxente que lle vai quitar o seu posto? Cando debe facelo? Cando é o bo momento? Esparta era o imperio dominante e Atenas empezou a xurdir ameazando a Esparta. Cando se decidirá Esparta a deter a Atenas?", reflexiona o xornalista, que traza un paralelismo entre a guerra do Peloponeso e a crecente tensión actual entre Beijing e Washington.
Relatorio de Ignacio Ramonet ofrecido esta quinta feira na Facultade de Comunicación da USC. (Foto: Manuel Barreiro)
photo_camera Relatorio de Ignacio Ramonet ofrecido esta quinta feira na Facultade de Comunicación da USC. (Foto: Manuel Barreiro)

O xornalista, doutor en Ciencias Sociais e doutor honoris causa pola USC, Ignacio Ramonet, impartiu esta quinta feira un seminario baixo o título O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise desde a Facultade de Ciencias da Comunicación da universidade da capital galega, un encontro no que afirmou que "a gran crise vai ser o enfrontamento coa China".

Na conferencia, Ramonet defendeu como a pandemia da Covid-19 e a guerra en Ucraína xeraron consecuencias económicas, políticas e militares globais. O seminario, organizado polo grupo de Estudos Audiovisuais da USC, abordou diferentes temas da xeopolítica actual, como o cambio climático, as migracións masivas, as innovacións tecnolóxicas ou a crise que atravesa a ONU.

Na súa intervención, Ramonet trazou un paralelismo histórico entre a guerra de Ucraína, a emerxencia de novos imperios e o posíbel conflito entre os Estados Unidos e a China. Nunha perspectiva histórica, a guerra do Peloponeso (431 a.C. - 404 a.C.) sirve como exemplo de enfrontamento entre imperios dominantes e emerxentes, sinalou. "Cando un imperio dominante debe preocuparse en esmagar a un imperio emerxente que lle vai quitar o seu posto? Cando debe facelo? Cando é o bo momento? Esparta era o imperio dominante e Atenas empezou a xurdir ameazando a Esparta. Cando se decidirá Esparta a deter a Atenas?", cuestionou o profesor.

No contexto actual, a pregunta pasa a ser "cando Estados Unidos vai decidirse a deter o ascenso da China. Farano? Non o farán? Empezaron a facelo", dixo. Segundo a interpretación do profesor, isto débese a que Rusia é o principal aliado militar da China, e en caso de enfrontamento cos Estados Unidos, axudaríaa. Así, "a Estados Unidos interésalle que Rusia sangre en Ucraína antes do enfrontamento principal: Beijing e Washington".

Finalizou a súa intervención cun prognóstico das crises que poderemos enfrontar ao longo do século XXI. "Quizais o que estamos a ver en Ucraína é o prólogo do enfrontamento principal da segunda metade do século XXI, que vai ser o enfrontamento entre Estados Unidos e China", afirmou.

Perfil

Ignacio Ramonet é doutor en Ciencias Sociais por l'École deas Hautes Études en Sciences Sociais de París (Francia), director do xornal Le Monde diplomatique en español, profesor de Teoría da Comunicación na Universidade de París VII e doutor honoris causa por cinco universidades internacionais, entre elas a propia USC.

Especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional, Ramonet pertence ao rol de consultor da ONU, alén de ser fundador do Foro Social Mundial e creador do seu lema, 'Outro Mundo é Posíbel'. Tamén foi fundador da ONG Media Watch Global e fundador e presidente honorario de Attac.

Comentarios